― A demolición da estrutura e a fachada do inmoble de 10 plantas realizouse en tres semanas trala intervención de maquinaria pesada
― Iníciase unha nova fase coa retirada e fragmentación dos entullos que permitirá habilitar unha plataforma pavimentada de 1.000 metros cadrados
― A Xunta destina 1,4M€ a esta actuación, que se realiza minimizando a xeración de po e ruído e que permitirá avanzar na execución dos accesos ao Novo Chuac
Tres semanas despois do acceso da maquinaria pesada, o edificio do Hotel de Pacientes do Chuac xa é historia. A Xunta vén de finalizar os traballos de derribo da estrutura e a fachada deste inmoble de 10 plantas, 8 delas sobre rasante, que quedaron reducidas a entullos.
Con esta actuación, a Xunta avanza na construción do Novo Chuac, ao finalizar a demolición da parte máis visible do inmoble e o derribo do inmoble permitirá avanzar na execución do novo anel perimetral do sistema viario que bordeará e dará acceso ao complexo hospitalario.
A demolición realizouse elemento a elemento para minimizar o impacto dos traballos na contorna, debido á proximidade dos edificios asistenciais do complexo sanitario, e cumprindo un estrito plan de bioseguridade para controlar a emisión de po e ruído.
A derriba da estrutura e a fachada completa un traballo que comezou no interior do edificio cos labores de desamiantado. Mantendo o edificio pechado, continuouse desmontando todo o interior, os illamentos e as tabiquerías, utilizando para iso robots manexados a distancia. Durante todo este proceso de demolición interior mantívose pechado o edificio, con xanelas, e os entullos retiráronse cunha mínima exposición exterior.
Co edificio diáfano quitáronse as xanelas e acometeuse a demolición do exterior: cubertas, cerramentos e estruturas. Os traballos das tres plantas superiores executáronse coa axuda de robots para reducir o impacto dos traballos e reforzar a seguridade.
Para o resto das plantas do inmoble utilizouse maquinaria pesada especializada que chegou á obra o pasado día 7 deste mes de outubro e que acaba de finalizar a demolición da parte máis visible do edificio de 7.600 metros cadrados.
Retirada do entullo
A obra entra agora nunha nova fase que pasará pola retirada e fragmentación do entullo resultante e a derriba das cimentacións para posibilitar a creación dunha plataforma pavimentada de 1.000 metros cadrados. Esta plataforma permitirá dispoñer dun espazo útil, tanto para uso do hospital como para poder acometer o anel perimetral que dará acceso ao Novo Chuac.
A demolición do Hotel de Pacientes acométese seguindo un proxecto exposto para non interromper o funcionamento do complexo sanitario e minimizar a xeración de po e ruído. Para iso expúxose unha demolición o máis eficiente e sostible posible, optando por un criterio de derriba elemento a elemento e seguindo a orde inversa ao que correspondería ao da construción, é dicir, procedendo de arriba cara abaixo.



