— As actuacións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude están centradas en resolver distintas patoloxías detectadas debido a problemas de tipo estrutural
— Con esta intervención continúase a garantir a protección e conservación dos bens patrimoniais da comunidade
A Xunta de Galicia finalizará ao longo deste mes de abril as obras de restauración do retablo maior da igrexa de San Fins de Sales, no municipio coruñés de Vedra, que contaron cun investimento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de case 65.000 euros.
As actuacións, que comezaron hai catro meses, están centradas en resolver os danos que afectaban nun 80% ao a este conxunto escultórico de estilo barroco. Deste xeito, solucionouse a acumulación de sucidade superficial, a presenza de gretas, ataques de térmites, repintes, abrasión e outros procesos de deterioro que fixeron necesaria esta actuación integral para garantir a súa preservación.
Para iso, os traballos iniciáronse coa realización dos estudos previos exhaustivos, incluíndo a elaboración de mapas de deterioros, esquemas e cartografía detallada dos danos, que permitiron definir con rigor as fases da intervención. O proxecto tamén incluíu a realización de catas para a valoración de eliminación de repintes e restauración das imaxes de San Antón de Padua, túnica de San Xosé, San Fins de Valois e Inmaculada Concepción. Finalmente, tamén se está levando a cabo unha mellor iluminación do retablo.
Convenio colaboración
Para poder desenvolver os traballos necesarios a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asinou un convenio de colaboración coa diocese de Santiago para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta igrexa.
Cómpre encadrar a realización desta obra dentro do compromiso do Goberno galego coa protección e conservación dos bens patrimoniais, especialmente co fin de garantir o mellor estado destes bens, na liña da Administración máis comprometida coa conservación, restauración, investigación e divulgación de bens patrimoniais.
A igrexa de San Fins de Sales, da que forma parte o retablo maior e as súas imaxes, ten a consideración de ben catalogado ao estar incluída no catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vedra, dentro do patrimonio cultural de Galicia. Así mesmo está recollida no catálogo do Plan Básico Autonómico.



