HomeXunta de GaliciaA Xunta financia a contratación de 102 investigadores predoutorais cunha achega de...

A Xunta financia a contratación de 102 investigadores predoutorais cunha achega de máis de 12M€ ata 2029

- Anuncio -spot_img

— A Consellería de Educación adxudica os contratos de 2025 para que 90 investigadores traballen nas universidades públicas (59 na USC, 17 na UVigo e 14 na UDC) e outros 12 o fagan en organismos públicos de investigación

— Cada beneficiario recibe entre 24.000 e 30.000€ anuais durante os catro anos de contrato, ademais de complementos de ata 6.000€ por estadía no estranxeiro

— Con esta nova inxección, o investimento en vigor por parte do Goberno galego para o persoal predoutoral supera os 47M€ para máis de 400 contratos

Un total de 102 investigadores incorporaranse en setembro ás universidades públicas galegas e a outros organismos de investigación na súa etapa predoutoral cun contrato financiado pola Xunta de Galicia. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución destas axudas, cunha achega de máis de 12M€, para financiar durante catro anos o traballo de persoas xa graduadas que se inician neste ámbito coa preparación da súa tese doutoral. Deste xeito, dáse estabilidade ao seu labor e refórzase a súa formación de cara a carreira investigadora.

No que atinxe aos centros nos que realizarán a súa actividade, 90 investigadores farano nas universidades públicas galegas (59 na Universidade e Santiago de Compostela, 17 na de Vigo e 14 na Coruña). Ademais, 12 desenvolverán o seu labor noutros organismos públicos de investigación: tres na Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, dous no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, outros dous na Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, dous na Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica, outros dous na Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur e un no Centro de Supercomputación de Galicia.

Con esta nova inxección, o investimento en vigor por parte do Goberno galego para o persoal predoutoral supera os 47M€ mediante catro convocatorias plurianuais con máis de 400 contratos, o que amosa o compromiso da Xunta coa investigación e a innovación en Galicia.
Cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, estas axudas buscan apoiar a formación do persoal investigador desde as etapas iniciais (preparación da tese doutoral) partindo da base de que, mediante procesos formativos estables, adquirirán as habilidades propias do persoal investigador.

Os contratos predoutorais da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP teñen catro anos de duración e inclúen estadías de tres meses no estranxeiro. O importe máximo da primeira e segunda anualidade é de 24.600 euros anuais, para o terceiro ano é de 25.200 euros e de 30.600 no cuarto.

Esta convocatoria tamén conta cun período de orientación posdoutoral, dotado cun importe máximo de 31.500 euros anuais e destinados ás persoas que lean a tese de doutoramento antes da finalización da duración máxima do contrato. Non superará os 12 meses nin o período de catro anos do total do contrato. A maiores, hai que engadir un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino.

Esta liña de actuación súmase a outras accións da Xunta de apoio á carreira investigadora, na que se inclúen os contratos posdoutorais e as axudas a grupos de investigación. Forman parte da aposta decidida do Goberno autonómico pola ciencia, o que se amosa co Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, dotado con 1.310M€ e que se centra, entre outras áreas, no talento. Neste eido, as accións de apoio á carreira investigadora son un dos piares da contratación de persoal científico universitario. Actualmente a Xunta ten en vigor un investimento de case 241M€ dedicado a contratación de persoal ao abeiro destas axudas.

Publicacións Relacionadas