Ángeles Vázquez explica que a actuación consistirá na reparación do azude que na actualidade presenta unha rotura na súa parte inferior
A Xunta, a través de Augas de Galicia, financiará con máis de 90.000 euros o acondicionamento da presa que forma a piscina fluvial do río Verdugo, no Concello da Lama, segundo o convenio de colaboración que asinaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, David Carrera.
Tal e como explicou Ángeles Vázquez, a actuación consistirá na reparación do azude que regula o caudal do río Verdugo, que na actualidade presenta unha rotura na parte inferior da infraestrutura e, polo tanto, pérdese a capacidade de retención de auga. En concreto, demolerase e retirarase a comporta existente e instalarase unha nova. Durante a execución da obra, formarase un encoro provisional con sacos de area e, unha vez concluída a actuación, acondicionarase a contorna.
A conselleira subliñou que esta actuación se enmarca na Estratexia para a posta en valor das contornas fluviais, cuxo obxectivo é impulsar a recuperación e mellora de elementos construtivos tradicionais e funcionais presentes nos ríos como represas, pontes peonís ou pasarelas, que forman parte do patrimonio hidráulico.
Máis polo miúdo, trátase de desenvolver accións que permitan recoñecer, divulgar e aproveitar de forma sostible os valores naturais, culturais e recreativos dos ríos galegos. Ademais, esa estratexia inclúe tamén iniciativas de educación ambiental, promoción turística sostible e integración dos espazos fluviais nas estratexias locais de desenvolvemento rural ou urbano.
Nesa liña, cómpre indicar que a presa na que se vai actuar permite a formación dunha piscina fluvial, localizada no lugar de Sucastro, que é un dos atractivos turísticos máis importantes do concello e da comarca, ademais de ser un dos principais espazos de ocio estival para a veciñanza.