HomePontevedraA LamaA Xunta financiará o acondicionamento do baixo e da parcela exterior do...

A Xunta financiará o acondicionamento do baixo e da parcela exterior do novo Centro de Día e Fogar Residencial da Lama

- Anuncio -spot_img
  • Achegaranse 70.000 euros para esta actuación coa que se porá fin a esta infraestrutura de titularidade municipal, que tivo un custo total de máis de 500.000 euros sufragados polas Administracións autonómica e local
  • O centro dispón de 6 prazas residenciais e ata un máximo de 28 de atención diúrna, e recibirá os seus primeiros usuarios este mesmo ano

 O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asistiu esta semana á xornada de portas abertas do novo centro de día e fogar residencial da Lama, que é de titularidade municipal e que se prevé que reciba os seus primeiros usuarios antes de que remate o ano. Este servizo para as persoas maiores está practicamente listo cinco anos despois de que se iniciara este proxecto e tras un investimento de máis de 500.000 euros, dos cales a Xunta achegou 300.000 euros o resto asumiunos o concello.

Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde, David Carrera, puxo o acento na importancia da colaboración entre institucións para facer realidade este novo recurso municipal para o coidado das persoas maiores, que é fundamental para ofrecer unha atención próxima e de calidade e tamén para mellorar a conciliación das familias. Neste sentido, lembrou o empeño que puxo por sacar adiante este proxecto o anterior alcalde, Jorge Canda, falecido o ano pasado.

Para que todo estea listo para o inicio da actividade, a Xunta vén de asinar un novo convenio co Concello por 70.000 euros para acondicionar tanto o baixo como a parcela exterior, na que se instalará un parque biosaudable. Con esta actuación, as instalacións estarán totalmente rematadas. O inmoble está divido en dúas zonas: unha destinada a fogar residencial, que terá 6 prazas, e outra a centro de día, que disporá entre 20 e 28 prazas.

Publicacións Relacionadas