O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe na localidade ourensá de Cenlle unha das accións da Escola Galega de Consumo —dependente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, dentro da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración—no marco do seu programa Infonadal 2024. Nela, máis de 20 nenas e nenos realizaron xogos e aprenderon distintos aspectos relacionados co consumo responsable a través da posta en valor da etiquetaxe e dos mecanismos de control da seguridade de produtos como os xoguetes.
Estas accións encádranse no labor de impulso, apoio e asesoramento que leva a cabo a Escola Galega de Consumo a través de accións de educación e formación como cursos, obradoiros, conferencias, publicacións e estudos. Nese senso, cómpre destacar que este organismo forma unhas 20.000 persoas de todas as idades cada ano, con preto de 700 actuacións.