Unha vintena de técnicos municipais ampliaron os seus coñecementos sobre paisaxismo sostible e sobre as especies arbóreas máis axeitadas para contornas urbanas
A Xunta organizou na xornada de hoxe un obradoiro sobre Deseño e xestión de espazos verdes urbanos no marco do proxecto Green Gap, que ten como obxectivo contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Nesta ocasión, o obradoiro, que foi inaugurado polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, abordou cuestións relacionadas co paisaxismo sostible, o deseño de espazos verdes para avanzar cara á resiliencia urbana e os criterios para seleccionar as especies arbóreas máis axeitadas para contornos urbanos.
Deste xeito, unha vintena de técnicos municipais ampliaron os seus coñecementos para trasladar aos seus concellos experiencias e propostas para dotar as zonas urbanas de espazos e pulmóns verdes como parques, xardíns, fontes ou áreas recreativas. Nese senso, tal e como lembrou o director do IET, a existencia destas contornas naturais repercute na redución das emisións á atmosfera e na mellora da calidade de vida da cidadanía polos beneficios que reportan para a saúde e pola sociabilidade, ao ser tamén espazos de encontro e lecer colectivo.
A maiores, Enrique de Salvador lembrou que a Xunta convocou este ano unha liña de axudas destinadas a concellos para que creen infraestruturas verdes como solución aos riscos asociados co cambio climático. Nesta primeira convocatoria concedéronse 42 axudas por valor de 2M€ a 35 concellos.
Green Gap
o proxecto Green Gap ten como principal obxectivo potenciar o papel das administracións locais na protección, conservación e mellora da natureza a través do impulso de infraestruturas verdes. En concreto, na iniciativa, cun orzamento de máis de 2,1 M€, participan, ademais do IET, un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Pola parte galega están implicadas a Universidade da Coruña, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Ourense e a Fundación CEER, mentres que do lado portugués forman parte do proxecto a Cámara de Paredes de Coura, a Universidade do Minho, a Cámara de Guimarães, o Laboratorio da Paisagem de Guimarães así como a Agência Portuguesa do Ambiente e o Instituto da Conservação da Natureza das Florestas.

