― Esta intervención singular foi adxudica por 2,5M€ e será executada pola Xunta en colaboración coa Autoridade Portuaria da Coruña, co obxectivo de habilitar unha zona de baño segura neste emblemático espazo da cidade
― A actuación fortalecerá a relación da cidade co mar e forma parte do proxecto Coruña Marítima
― A Xunta prevé iniciar a obra ao longo do mes de febreiro, para poder tela lista no verán
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de formalizar o contrato para a execución das obras da instalación da estrutura flotante do Parrote, na Coruña
Esta intervención, adxudicada por un importe de 2.505.305 euros á empresa Construcciones López Cao, S.L., será executada pola Xunta en colaboración coa Autoridade Portuaria da Coruña, e permitirá habilitar unha zona de baño segura neste emblemático espazo da cidade.
Trátase de que a cidade recupere con esta instalación unha histórica zona de baño, que permitirá fortalecer a relación da cidade co mar, a través dun proxecto singular que forma parte da Coruña Marítima.
A sinatura do contrato posibilitará realizar este mesmo mes de xaneiro os traballos preparatorios da obra, coa previsión de poder comezar a execución das obras ao longo do mes de febreiro. Os traballos contan cun prazo de execución de 8 meses, sendo o obxectivo que a instalación poida estar lista neste vindeiro verán.
En concreto, a través da actuación contratada, habilitarase unha zona de baño, con gradas, espazos de descanso e pasarela accesible. O deseño da infraestrutura, moderna, novidosa e accesible, permitirá o desenvolvemento doutras actividades de recreo náuticas e na que se habilitarán dúas piscinas, unha delas aberta ao mar.