HomeXunta de GaliciaA Xunta impulsa a atención ás vítimas de delitos coa humanización dos...

A Xunta impulsa a atención ás vítimas de delitos coa humanización dos espazos e a creación de oficinas virtuais

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou na Coruña a oficina de asistencia ás vítimas de delitos onde coñeceu as novas funcionalidades
  • A posta en marcha do servizo virtual permitirá unha atención personalizada e continua sen necesidade de desprazamentos
  • A iniciativa enmárcase na aposta da Xunta por impulsar contornas xudiciais amables e adaptadas ás necesidades da cidadanía, así como ás novas tecnoloxías

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou hoxe na Coruña a oficina de asistencia ás vítimas de delitos (OAVs), onde coñeceu as novas funcionalidades deste espazo e a súa adaptación para a próxima posta en marcha dun servizo de asistencia virtual. A Xunta avanza así na súa aposta por dotar as vítimas de contornas xudiciais amables e adaptadas tanto ás súas necesidades como á utilización das novas tecnoloxías.

A creación das oficinas virtuais de asistencia ás vítimas de delitos permitiralles contactar a través de videoconferencia cos equipos de profesionais que atenden estes centros. Deste xeito, ofrecerase un servizo especializado, rápido e confidencial en calquera momento e sen necesidade de que as vítimas se despracen. Estas oficinas actuarán nos casos en que sexa precisa unha asistencia urxente a petición da propia vítima ou de calquera persoa ou organismo que teña contacto con ela, e na atención psicolóxica e social non urxente a petición da vítima en calquera das fases de información, intervención ou seguimento.

O obxectivo é ampliar o servizo que ofrecen actualmente as sete oficinas de asistencia ás vítimas existentes nas cidades galegas e facilitar unha atención personalizada e continua. Ademais, porase en marcha un espazo web con toda a información sobre os servizos destes centros para ampliar a súa difusión entre a sociedade.

A iniciativa enmárcase no III Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza en Galicia. Senda 2025, que durante o pasado ano dotou as oficinas de asistencia á vítima dun sistema de información, adaptado ás necesidades e requirimentos dos psicólogos e traballadores sociais que traballan nelas, que permitiu rexistrar preto de 1.200 expedientes e facilita a atención e o seguimento das persoas.

Humanización dos espazos

Por outra banda, no marco da aposta pola humanización e o impulso dunha xustiza empática e próxima á cidadanía, a oficina de asistencia ás vítimas visitada hoxe habilitouse con distintos espazos de espera para vítimas en seguimento, con cita previa, ou en situación de urxencia, e para os profesionais que as atenden.

Na visita ao complexo xudicial da Fábrica de Tabacos, Diego Calvo estivo ademais no xulgado de violencia sobre a muller, que tamén foi mellorado coa dotación de salas de espera separadas para vítimas e agresores, así como dun circuíto pechado de acceso para os agresores que evita que se crucen coa vítima.

Cómpre lembrar que este e o de Vigo son os únicos xulgados en Galicia exclusivos de violencia sobre a  muller, polo que a Xunta, a través da Comisión Mixta de Xustiza, entre a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, demandou tanto en 2023 como en 2024 a creación dun xulgado destas características que dese servizo á área de Santiago de Compostela, sen que esta petición fose atendida. O obxectivo do Goberno galego é solicitalo tamén para as restantes cidades.

Publicacións Relacionadas