HomeValdeorrasCarballeda de ValdeorrasA Xunta impulsa a mellora do acceso ás canteiras de lousa de...

A Xunta impulsa a mellora do acceso ás canteiras de lousa de Carballeda de Valdeorras cunha achega superior aos 354.000€ a través da liña de apoio a proxectos estratéxicos

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visita hoxe o concello para coñecer as obras previstas na estrada municipal que vai de Casoio a Riodolas
  • Búscase facilitar a mobilidade dos máis de 2.000 traballadores directos no sector do municipio, así como impulsar o turismo industrial na zona, entre outros obxectivos
  • No conxunto de Galicia hai un total de 19 novas iniciativas beneficiadas na convocatoria de 2025, tres delas na provincia de Ourense

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe Carballeda de Valdeorras para coñecer as obras previstas na estrada municipal que vai de Casoio a Riodolas co apoio da Xunta. A través das axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL) destinadas a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, o Goberno galego achega máis de 354.000 euros, a metade do investimento total, superior aos 708.000 euros.

Segundo explicou o conselleiro, trátase dunha actuación estratéxica, ao centrarse nunha vía de acceso a numerosas canteiras de lousa que abastecen de materia prima as empresas de elaboración e transformación de lousa situadas no municipio. Deste xeito, búscase facilitar a mobilidade dos máis de 2.000 traballadores directos no sector do municipio, así como fomentar o emprego indirecto na comarca, impulsar o turismo industrial e mellorar a seguridade viaria. As actuacións previstas centraranse na limpeza e preparación da vía, na nivelación da plataforma, na pavimentación e na sinalización.

A través da liña de apoio a proxectos estratéxicos, “o Goberno galego apoia o impulso de iniciativas que transcenden o ámbito municipal e que contribúen a fomentar a economía e a industria dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos como o turismo, o deporte ou o medio ambiente” salientou.

Diego Calvo destacou que no conxunto de Galicia hai 19 novas iniciativas beneficiadas na convocatoria de 2025, que contou cunha dotación de 8,5 millóns de euros. A elevada demanda que tivo nas dúas primeiras convocatorias e a súa importancia estratéxica para os concellos levou a Xunta a reforzar o seu orzamento para 2026 ata os 10 millóns de euros.

No conxunto das axudas deste ano destacan as actuacións relacionadas con melloras e creación de instalacións deportivas. É o caso das outras dúas propostas ourensás beneficiadas, correspondentes a Toén, onde se creará un novo campo de fútbol de herba artificial, e a Barbadás, que actuará no polideportivo municipal. No que respecta ás outras provincias, dotarase o entorno do río Mao, en Bóveda, de instalacións para a práctica deportiva, entre outras actividades, para convertelo nun espazo de referencia comarcal de lecer activo e da práctica deportiva ao aire libre e crearase un espazo deportivo especializado en tríatlon e remo en Cedeira.

Prevense tamén melloras de seguridade e de adecuación á competición en instalacións da Pastoriza, e traballos de adecuación no pavillón de San Marcos, en Abegondo; no complexo deportivo Montegolf en Arteixo, que realizou petición conxunta coa Coruña e Culleredo; no complexo deportivo de Tarela, en Porto do Son; no complexo deportivo Álvaro Pino de Ponteareas; así como as melloras das infraestruturas municipais deportivas presentadas polos municipios pontevedreses de Valga e Vilanova de Arousa.

Entre os proxectos estratéxicos beneficiarios inclúense a maiores outras reformas na Casa Consistorial e na contorna do concello da Laracha, na Escola de Música de Silleda, na praza do Campo de Zas, no parque multiocio da Pesqueira de Mos, así como as rehabilitacións da sede da Mancomunidade de Ordes e do centro loxístico multiservizos da Mancomunidade do Salnés. A relación de iniciativas beneficiarias complétase recuperación paisaxística dos Baños de Ermelo e Sabaxáns, en Mondariz.

Compromiso cos concellos

Diego Calvo incidiu no compromiso cos concellos galegos mediante as liñas de axudas específicas como a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de axudas de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder ou o Fondo de Cooperación Local, no que se enmarca esta liña dirixida a proxectos estratéxicos.

No caso do concello de Carballeda de Valdeorras, nos últimos anos recibiu preto dun millón de euros a través das distintas medidas de apoio da Xunta ás administracións locais.

Publicacións Relacionadas