- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participa na presentación desta ferramenta dixital, que conta cunha achega do Goberno galego de 250.000 euros, e a través da que se facilita de xeito gratuíto a captación de fondos
- Clubs, federacións e deportistas poderán recibir mediante este modelo os fondos recadados para os seus proxectos de interese común que promovan a través da plataforma
- Diego Calvo incide en que esta iniciativa “gratuíta, innovadora e solidaria” sitúa Galicia á vangarda do mecenado deportivo e axudará a potenciar aínda máis o deporte galego e consolidar e garantir a actividade deportiva
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación la plataforma solidaria Terra Move, impulsada pola Xunta en colaboración coa Fundación Amare Terra. Trátase dunha ferramenta de mecenado deportivo, na que o Goberno galego inviste 250.000 euros, o 45% do custo previsto para o período 2025-2027, no que se desenvolverá ata a súa consolidación e proxección.
Segundo sinalou Diego Calvo, esta iniciativa sitúa Galicia á vangarda do mecenado, deportivo cunha “ferramenta gratuíta, innovadora e solidaria para que clubs, federacións e deportistas poidan conseguir fondos e recursos”. Terra Move permitirá que calquera persoa ou calquera empresa poida apoiar ao deporte galego desde o seu teléfono móbil, en só segundos, e coa doazón formará parte dun proxecto. “Este modelo axudará a potenciar aínda máis o deporte galego e consolidará e garantirá a actividade deportiva”, explicou.
Así, Terra Move nace como unha ferramenta dixital que facilita, de xeito gratuíto e solidario, a captación de fondos por parte de clubs, federacións e deportistas para os proxectos de interese común que estes promovan a través da plataforma. Cada entidade rexistrada recibirá de xeito directo os fondos e recursos que se recaden como doazóns para as súas respectivas campañas. Pola súa banda, as doazóns realizadas a través da plataforma poderán beneficiarse das deducións fiscais previstas na lexislación española.
No acto de presentación déronse a coñecer algunhas das 11 campañas desenvolvidas pola plataforma no mes e medio que leva en funcionamento, e que xa levan recadado 60.000 euros. Entre elas están as protagonizadas pola ximnasta Melania Rodríguez, o Club de Remo Olímpico do Mandeo, de Bergondo, o Traviesas Hockey Club, de Vigo, ou o Club de Fútbol Sala Feminino Castro, de Castro de Rei.
Diego Calvo agradeceu o labor da Fundación Amare Terra, esencial na promoción das especialidades deportivas con menor visibilidade e menores recursos, ao fomentar actividades deportivas inclusivas, integradoras e non discriminatorias, así como os valores e ideais que definen o olimpismo e o paralimpismo, co obxectivo da transformación positiva da sociedade galega.
Entre as principais liñas de traballo de Amare Terra atópase o fundraising solidario para o deporte e proxectos de interese xeral. Nesta liña, o conselleiro sinalou que este mecanismo solidario e accesible permite que as entidades reciban todos os fondos recadados. Trátase dunha acción ampla que impulsa e desenvolve un mecenado e colaboración para o fortalecemento das entidades do ecosistema deportivo galego facéndoo dun xeito innovador, participativo e sostible.
Na súa intervención, o conselleiro animou a utilizar este novo instrumento, pioneiro en España, que vai contribuír a mellorar o financiamento de clubs, federacións e deportistas ao tempo que beneficia aos patrocinadores, ao poder desgravar polas achegas realizadas. “É unha ferramenta que poñemos á vosa disposición, conscientes de que o financiamento é un dos principais problemas do sistema deportivo, e que queremos que se use”, apuntou.