- As Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior -BEME-, cunha dotación económica que pode alcanzar os 12.500 euros, están destinadas a cubrir gastos de matrícula, desprazamento, aloxamento e manutención durante o período académico en Galicia
- En canto á distribución das persoas beneficiarias por universidades, 92 estudantes realizarán os seus mestrados na Universidade de Vigo, 87 na Universidade de Santiago de Compostela e 71 na Universidade da Coruña
- En total, desde 2017 e con esta convocatoria do vindeiro curso, lévanse beneficiado desta iniciativa máis de 1.700 mozos e mozas procedentes de máis de 40 países
A Secretaría Xeral da Emigración, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, publicou hoxe a listaxe definitiva das 250 mozos e mozas galegas do exterior que cursarán un mestrado nas universidades galegas de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, grazas ás Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que este ano acadan a súa novena edición.
Este programa ten como obxectivo promover o retorno da mocidade galega residente no exterior, facilitándolles a continuidade dos seus estudos de posgrao en Galicia e reforzando os vínculos coa súa terra. Dos 250 beneficiarios, a maior parte procede de América Latina, con Arxentina á cabeza cun total de 98 estudantes; seguida de Uruguai con 33, Cuba con 31, Venezuela con 22 e Brasil con 20.
Outros 17 estudantes proceden de Europa, de países como Reino Unido, Francia, Alemaña, Países Baixos, Bélxica, Finlandia, Irlanda, República Checa, Suíza e Suecia. En canto á distribución por universidades, 92 estudantes cursarán os seus estudos na Universidade de Vigo, 87 na Universidade de Santiago de Compostela e 71 na Universidade da Coruña.
As BEME
As bolsas BEME teñen unha contía económica que varía entre 8.000 e 12.500 euros, dependendo da procedencia xeográfica das persoas beneficiarias e do número de créditos a realizar e destínanse a cubrir gastos como matrícula, viaxes, aloxamento e manutención durante o período académico en Galicia.
Enmárcanse na Estratexia Galicia Retorna, que conta con máis de 100 medidas destinadas a facilitar o regreso e a integración plena de persoas retornadas. Entre elas, as cinco oficinas físicas de atención ao retorno en Galicia, unha oficina móbil que percorre o rural galego, e o acompañamento previo ao regreso a través das delegacións no exterior e os centros galegos.
No 2024-2025 accederon a estas bolsas outros 250 os mozos e mozas para estudar máis de 80 mestrados diferentes nas tres universidades públicas galegas. En total, desde 2017 e coa convocatoria do próximo curso lévanse beneficiado das bolsas BEME máis de 1.700 mozos e mozas procedentes de máis de 40 países.
En relación aos resultados do programa, destaca que preto do 80% dos bolseiros -cunha idade media de 29 anos- deciden quedarse en Galicia, máis do 60% atopan emprego e o 90% recomenda a experiencia.