- Estes programas de formación afondan na aposta da Xunta, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), por unha formación de calidade en prevención de riscos laborais, dirixida tanto ao tecido produtivo como á mocidade
- O primeiro dos cursos abrirá o prazo de inscrición do 18 ao 28 de agosto, e está destinado á poboación en xeral co obxectivo de dotar ás persoas participantes das competencias necesarias para xestionar a prevención nos centros de traballo
- Por outra banda, a segunda das accións formativas céntrase especificamente no ámbito do tempo libre, a xuventude e o voluntariado, cun prazo de inscrición aberto entre o 25 de agosto e o 5 de setembro
- Ambos cursos teñen unha duración de 60 horas e inclúen contidos específicos en materia de prevención de riscos laborais e integran a perspectiva de xénero, ofrecendo formación adaptada tanto a traballadores como a persoas mozas e voluntarias
A Xunta de Galicia, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), organiza dúas novas accións formativas en prevención de riscos laborais en modalidade de teleformación, coa colaboración da Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Ambas iniciativas buscan promover unha cultura preventiva sólida e accesible para diferentes colectivos, con formacións adaptadas ás súas necesidades específicas. Os cursos realizaranse a través da aula virtual da EGAP e inclúen contidos específicos sobre prevención dende a perspectiva de xénero, reforzando o compromiso coa igualdade no ámbito laboral.
Con estas dúas iniciativas, a Xunta continúa fortalecendo o acceso á formación en prevención de riscos laborais, tanto no tecido produtivo como no eido xuvenil e do tempo libre, apostando por unha Galicia máis segura, concienciada e preparada ante os desafíos da saúde laboral.
Curso básico de prevención de riscos laborais – Edicións T01, T02 e T03
Nesta ocasión, a Xunta impulsa tres novas edicións do Curso básico de prevención de riscos laborais, cunha duración de 60 horas, das cales 10 estarán dedicadas á perspectiva de xénero. O curso está dirixido a traballadores en xeral, persoas designadas para funcións preventivas de nivel básico, profesionais que precisen coñecementos neste eido, así como a persoas con interese na seguridade e saúde laboral.
Os obxectivos principais son proporcionar as competencias necesarias para xestionar a prevención nos centros de traballo e capacitar aos empresarios para asumir esta responsabilidade directamente. As persoas interesadas poderán inscribirse entre o 18 de agosto de 2025 ás 9,00 horas e o 28 de agosto de 2025 ás 23,55 horas, a través da plataforma da EGAP.
Curso de prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre – Nivel básico
Por outra banda, a segunda das accións formativas está especificamente orientada ao ámbito do tempo libre, a xuventude e o voluntariado. Este Curso de prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre, tamén de 60 horas de duración, será impartido en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e a EGAP, ao abeiro do convenio EGAP-ISSGA. Desenvolverase igualmente en modalidade de teleformación, a través da aula virtual da EGAP.
O curso está dirixido á mocidade galega e aos profesionais da información xuvenil e do tempo libre. Terán preferencia, por esta orde, as persoas con título de monitor/a ou director/a de tempo libre, aquelas con Carné Xove, e logo por orde de inscrición.
O contido está adaptado aos riscos específicos do sector e estruturado en seis módulos: conceptos básicos sobre seguridade e saúde, riscos xerais, riscos específicos en actividades de tempo libre, xestión da prevención, primeiros auxilios e perspectiva de xénero. O período de inscrición para este curso estará aberto do 25 de agosto de 2025 ás 9,00 horas ata o 5 de setembro de 2025 ás 23,55 horas, tamén a través da web da EGAP.