HomePontevedraO CondadoA Xunta impulsa en Ponteareas o oficio de ourivería a través dun...

A Xunta impulsa en Ponteareas o oficio de ourivería a través dun obradoiro colaborativo inspirado nas alfombras florais

- Anuncio -spot_img

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá o curso que imparte ata o domingo a ourive compostelá Susi Gesto

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron hoxe en Ponteareas a Residencia Artística Artistea, onde se está a desenvolver un obradoiro colaborativo de ourivería e inspirado nas alfombras florais desta vila pontevedresa. A ourive compostelá Susi Gesto é a encargada de impartir este taller colaborativo que remata mañá 1 de marzo e que está impulsado polo Concello de Ponteareas co apoio da Xunta.

O obxectivo do obradoiro é traballar con veciñas e veciños de diferentes xeracións creando unha peza colaborativa a través do oficio de ourive, para o que se tomarán como inspiración as alfombras florais tan relevantes na zona. Esta peza final permanecerá a posteriori no concello para que a experiencia perdure no tempo e empregarase tamén para crear un estilismo para un próximo desfile xunto con outras pezas colaborativas, resultantes doutros obradoiros. O obradoiro Alfombras florais de Ponteareas estase a desenvolver en horario de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas.

Susi Gesto

Susi Gesto é unha ourive compostelá que aprendeu o oficio tradicional desde nena con seu pai Eloy Gesto. No ano 2014 establece o seu taller no casco antigo de Santiago de Compostela, co firme propósito de crear pezas que recuperasen a ourivería compostelá desde unha perspectiva propia e contemporánea. O seu traballo caracterízase por unha fonda influencia da ourivería tradicional e pola incorporación doutros materiais coma o cobre. As súas xoias desfilaron en pasarelas como a Mostra do Encaixe de Camariñas e a Moda Norte de Santander, e participou en diferentes exposicións de artesanía e de xoiería. Habitualmente colabora coa Fundación Artesanía de Galicia como docente de talleres de ourivería en eventos coma o Corazón da Artesanía de Agolada ou Artesanía de Galicia no Courel e é unha das docentes do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, impulsado pola Xunta co obxectivo de manter, divulgar e recuperar técnicas tradicionais e de fomentar o relevo xeracional.  

Publicacións Relacionadas