HomeOurenseO RibeiroA Xunta impulsa en Ribadavia o proxecto piloto para avanzar na elaboración...

A Xunta impulsa en Ribadavia o proxecto piloto para avanzar na elaboración do seu plan local de economía social en liña coas necesidades do territorio

- Anuncio -spot_img
  • A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta tarde na xornada celebrada no concello ourensán, que reuniu a axentes sociais e económicos do municipio
  • A iniciativa, promovida polo Goberno galego, busca acompañar aos concellos na definición de estratexias locais de economía social adaptadas ás súas características sociais, económicas e produtivas
  • Mariño salientou o potencial deste modelo para impulsar o emprendemento colectivo, a creación de emprego e o fortalecemento do tecido produtivo, con especial atención en Ribadavia aos ámbitos agrario, vitivinícola, cultural e turístico

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta tarde na xornada celebrada en Ribadavia no marco do proxecto piloto impulsado pola Xunta para a elaboración de plans locais de economía social en distintos concellos galegos.

Despois da recente xornada desenvolvida en Baiona (Pontevedra), Ribadavia colle agora a testemuña neste proceso promovido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, co obxectivo de acompañar aos concellos na definición de estratexias locais adaptadas ás súas características sociais, económicas e produtivas.

Tal e como sinalou Marta Mariño, a finalidade é dotar ás entidades locais de ferramentas e asesoramento especializado para converter a economía social nun eixe estratéxico de desenvolvemento, favorecendo o emprendemento colectivo, a creación de emprego estable, a contratación responsable e o fortalecemento do tecido produtivo.

No caso de Ribadavia, o traballo participativo —dirixido a entidades sociais, cooperativas, asociacións, empresas locais, persoas emprendedoras e demais axentes clave do territorio— pon o foco especialmente nos ámbitos agrario, vitivinícola, cultural e turístico, sectores cun forte peso histórico e identitario no municipio. As achegas recollidas na xornada permitirán avanzar na elaboración do futuro Plan Local de Economía Social, nun proceso aliñado coa Estratexia galega de economía social horizonte 2027 e coa Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia.

Con esta iniciativa, a Xunta reafirma o seu compromiso coa economía social como motor de cohesión social, innovación e emprego estable, impulsando un modelo de desenvolvemento que nace do ámbito local e fortalece o conxunto de Galicia.

Publicacións Relacionadas