— O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, participaron hoxe na apertura dunha das principais actividades formativas do proxecto de cooperación España-Portugal en materia de emerxencias, Atempo
— A nova edición do Alto Minho Firecamp celebrada en Ponte de Lima representa un espazo para o estudo e o coñecemento e incorpórase ao proxecto Atempo na procura de respostas innovadoras ante grandes desafíos
— A oferta formativa está aberta a responsables da administración pública, técnicos municipais e especializados na xestión das grandes emerxencias, Protección Civil, Bombeiros e outros equipos de intervención
A Xunta impulsa o desenvolvemento de solucións innovadoras para facer fronte ás grandes catástrofes naturais coas máximas garantías. No marco deste obxectivo, participa nunha das principais actividades formativas dentro do proxecto de cooperación España-Portugal en materia de emerxencias (Atempo) para o estudo e coñecemento dos sistemas máis avanzados en canto á resposta e anticipación das grandes emerxencias.
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, participaron hoxe xunto co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), Antonio Cunha, e co presidente do municipio de Ponte de Lima, Vasco Ferraz, na apertura desta actividade formativa dirixida a responsables das administracións públicas, técnicos especializados na xestión das emerxencias, organismos de Protección Civil, bombeiros e outros grupos de intervención.
A nova edición do Alto Minho Firecamp representa un espazo de intercambio e coñecemento con proxección tanto nos ámbitos nacionais como internacionais, agora incorporado ao proxecto Atempo, como unha das súas apostas formativas máis ambiciosas por canto afonda na aplicación de novas ferramentas para unha xestión máis eficaz, coordinada e efectiva fronte ás grandes catástrofes. A xornada, como destacou Santiago Villanueva, permitirá demostrar que “o traballo conxunto e a cooperación transfronteiriza son fundamentais para abordar os retos futuros”.
Como obxectivo principal das xornadas, abordarase o carácter transnacional das emerxencias e a súa radicalización, moitas veces derivada dos efectos do cambio climático. Entre as grandes preocupacións neste eido están os incendios no ámbito rural e forestal, polo que se conta tamén coa participación do coordinador de Sistemas e Tecnoloxía da Información da Dirección Xeral de Defensa do Monte, Gustavo Álvarez. A súa aportación está centrada no sistema de mando e control da loita contra incendios forestais, no marco do desenvolvemento de solucións innovadoras nos lumes transfronteirizos.
Na súa intervención, o director xeral de Emerxencias e Interior destacou que as emerxencias “non respectan fronteiras nin entenden de límites administrativos, polo qe requiren respostas conxuntas” a través da cooperación transfronteiriza e “coa unidade, a planificación, a colaboración e a innovación tecnolóxica” como a mellor fórmula para facerlles fronte.
Cómpre lembrar que o proxecto Atempo está liderado pola Axencia Galega de Emerxencias e conta coa participación doutras institucións como o Goberno de Castela e León, a Universidade da Coruña, a CIM Alto Minho, a CCDR-N, a GNR e o Instituto Nacional de Emerxencias Médicas de Portugal.
Segundo Santiago Villanueva, o seu obxectivo é “seguir fortalecendo a colaboración entre Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal en materia de emerxencias” e dar un paso máis mediante a incorporación de ferramentas para a anticipación e a optimización dos recursos porque -sinalou- ante as grandes emerxencias “Atempo busca anticiparse a elas, minimizar sorpresas e remar xuntos na mesma dirección”. Así, seguindo a experiencia de iniciativas anteriores a Atempo como ARIEM ou ARIEM+ comprobouse que a seguridade transfronteiriza “non é so unha prioridade, senón unha misión compartida”.
Por iso, co Atempo apostouse pola aplicación da intelixencia artificial, que lonxe de ser só un recurso tecnolóxico, representa un cambio de modelo, porque permite prever comportamentos, anticipar decisións, mellorar os recursos e reducir riscos para a poboación e poder avanzar así cara a unha Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal “máis segura, unida e preparada” ante as emerxencias.