- O programa busca favorecer que o alumnado de Primaria, Secundaria e Formación Profesional leve a cabo accións de voluntariado con impacto real na súa contorna
- A directora xeral de Xuventude gaba esta ferramenta “xa consolidada que fomenta unha cultura participativa na nosa mocidade”
- Esta convocatoria inclúe como novidade unha guía de orientacións para o profesorado e a distribución de pasaportes físicos cun formato renovado para todo os participantes
Tal e como explicou a directora xeral de Xuventude, o programa, que leva en marcha desde o 2012, pretende fomentar as actuacións solidarias do alumnado con tres eixos: a persoa colaboradora, fortalecendo o seu autoconcepto e implicación, os proxectos e as súas repercusións, que levarán a sinatura do profesorado, e a autoavaliación. Para lograr este obxectivo, e como novidade nesta edición, todos os participantes recibirán unha versión física cun formato renovado do Pasaporte Solidario acompañado por unha guía de orientacións para o profesorado.
Neste senso, a representante da Xunta agradeceu a implicación dos docentes e o seu compromiso “como así o demostra a participación ininterrompida do colexio Os Casais, de Fene, neste programa desde o curso 2013-2014, incorporándoo no seu proxecto”. Así mesmo, sinalou a utilidade deste recurso para que o alumnado comprenda a conexión entre todas as accións que levan a cabo, ofrecéndolles unha visión de conxunto que lles permita entender que cada iniciativa forma parte dun proxecto común, coherente e transformador.
Así, o Pasaporte Solidario, que debe adaptarse á idade do alumnado, engade elementos como os adhesivos, unha peza motivacional feita especialmente para a etapa de Primaria coa finalidade de facilitar a implicación da cativada na fase de execución ou a avaliación de cada proposta.



