- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes coñeceu o resultado da obra, que recibiu unha achega autonómica de case 256.000 euros para fomentar a mobilidade sostible
- O trazado une Chancelas e Combarro para contribuír á redución do tráfico nunha vía vertebradora dalgúns dos concellos máis turísticos das Rías Baixas
- O Goberno galego impulsou 39 propostas estratéxicas para os concellos galegos no marco das convocatorias desta liña de apoio de 2024 e 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe en Poio os resultados das obras para a creación do carril bici e unha senda peonil entre Chancelas e Combarro, executadas co apoio da Xunta. O Goberno galego destinou case 256.000 euros á iniciativa, a través da liña de colaboración para proxectos de carácter estratéxico en infraestruturas municipais do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL), dotada con 8,5 millóns de euros.
Ademais da creación da senda peonil e o carril bici, os traballos centráronse na mellora do firme existente mediante o reasfaltado, para habilitar cunetas que permitan a evacuación de augas pluviais. O presuposto da obra ascendeu a preto de 512.000 euros.
O obxectivo é adaptar as infraestruturas viarias para reducir o tráfico de vehículos en favor do tránsito peonil e outras formas de mobilidade máis sostible como a bicicleta nun núcleo poboacional de grande importancia patrimonial e turística como é Combarro. O conselleiro incidiu na importancia supramunicial do proxecto e o seu carácter estratéxico, xa que o desenvolvemento das infraestruturas viarias na zona contribúe a desconxestionar o tráfico nunha vía vertebradora dalgúns dos concellos máis turísticos das Rías Baixas.
A través da liña de apoio a proxectos estratéxicos, o Goberno galego apoia o impulso de iniciativas que transcenden o ámbito municipal e que contribúen a fomentar a economía e a industria dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos como o turismo, o deporte ou o medio ambiente. Segundo indicou Diego Calvo, a través desta medida, que suma dúas convocatorias, impulsáronse 39 propostas en Galicia, a metade delas na provincia de Pontevedra.
Así, dos 20 proxectos beneficiarios en 2024, ademais de Poio, resultaron beneficiarios na provincia os de Meaño, Moraña e Soutomaior, tamén para infraestruturas de mobilidade e accesibilidade; do Rosal, Baiona, Salvaterra de Miño, Marín e Bueu, para instalacións deportivas; a da Mancomunidade do Salnés, para unha infraestrutura hidráulica; e a do Porriño, destinada a servizos sociais. En 2025 sumáronse en Pontevedra as propostas de Ponteareas, Valga e Vilanova de Arousa para distintas infraestruturas deportivas, Silleda para a escola de música, Mos e Mondariz, para áreas de lecer, e a Mancomunidade do Salnés para o centro loxístico. No conxunto da comunidade este ano houbo 19 proxectos beneficiarios.
Precisamente a elevada demanda que tivo nas dúas primeiras convocatorias e a súa importancia estratéxica para os concellos levou a Xunta a reforzar o seu orzamento para 2026 ata os 10 millóns de euros.
Compromiso cos concellos
Diego Calvo incidiu no compromiso cos concellos galegos mediante as liñas de axudas específicas como a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de axudas de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder ou o Fondo de Cooperación Local, no que se enmarca esta liña dirixida a proxectos estratéxicos. A través delas impulsáronse preto dun milleiro de actuacións municipais ao longo deste ano. No caso do concello de Poio, nos últimos exercicios recibiu preto de 650.000 euros a través das distintas medidas de apoio da Xunta ás administracións locais.



