HomeXunta de GaliciaA Xunta impulsará a Mesa Autonómica do Comercio Local para avanzar na...

A Xunta impulsará a Mesa Autonómica do Comercio Local para avanzar na execución do Plan Estréxico 2025-2030 e consensuar novas propostas de futuro

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Comercio e Consumo compareceu hoxe na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, onde adiantou a creación desta Mesa en xaneiro co gallo de promover a interacción entre todos os axentes que inciden no sector comercial
  • No marco do Plan estratéxico do comercio 2025-2030, Gabriel Alén avanzou outros fitos para 2026 como a extensión da iniciativa Vilas Vivas, as novas formacións para aprendices de artesáns (1 M€) ou o campus virtual do Plan formativo para o sector 
  • Destacando o traballo para elaborar unha ordenanza tipo para concellos que mellore a regulación da venda ambulante e das prazas de abastos, agardou acadar o ano próximo os 10 Mercados Excelentes en Galicia e garantiu a consolidación de axudas

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, compareceu hoxe na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, onde avanzou a creación en xaneiro dunha Mesa autonómica do comercio local, co gallo de valorar a execución do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e de presentar novas propostas de futuro, ao tempo que fixo fincapé na necesidade de potenciar as mesas locais de comercio que dependen dos concellos. Na súa intervención, adiantou outros fitos para 2026 como a extensión da iniciativa Vilas Vivas, as formacións para aprendices de artesáns ou o campus virtual do Plan formativo para o sector. 

Recordando que o Plan estratéxico conta cun orzamento de 320 M€ deica o ano 2030 para desenvolver 74 liñas de actuación no marco de tres eixes (mellora da competitividade do comercio, mellora da súa dinamización e cooperación interinstitucional para favorecer o sector), o director xeral sinalou —no caso de Vilas Vivas— que a iniciativa piloto en Ribadavia se completará en xullo de 2026 chegando a 15 locais rehabilitados para albergar novos emprendedores, ademais de coa apertura da Casa da Artesanía que porá a disposición talleres para impulsar este eido vertebrador do territorio. Aínda en relación a este campo, salientou que o ano que vén se porá en marcha o novo programa de axudas á formación para aprendices en oficios artesanais (1 M€) e reforzaranse os campamentos xuvenís para mozas e mozos artesáns.

No referido ao Plan de formación do comercio galego, Alén sinalou que se prevé ter listo o campus virtual en 2026, con pílulas formativas curtas e moi específicas accesibles en todo momento para as persoas comerciantes. Engadiu que se seguirán promovendo espazos de experimentación tecnolóxica e de innovación ou formación en materia de consumo, ademais de avanzar no programa de cooperación co Norte de Portugal que permitirá dixitalizar os recintos feirais. Uns recintos dos que se está a realizar —dixo— unha completa diagnose fixando retos de futuro aos que facer fronte, tanto de xeito individual como conxunto.

Baixo a nova marca Comercio Galego como garantía de calidade, o director xeral asegurou a consolidación de axudas para o exercicio vindeiro, con convocatorias como os preto de 4 M€ para fomentar a dixitalización, a innovación, a modernización e a sostibilidade do sector comercial e artesanal; os bonos Activa Comercio ou as achegas a prol da creación dunha rede de Mercados Excelentes, coa previsión de acadar en 2026 a decena deste tipo de instalacións nunha lista que actualmente ocupan Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo. Mirando precisamente as prazas de abastos, resaltou que se está a traballar, con reunións co sector este mesmo mes, na elaboración dunha ordenanza tipo para concellos que mellore a regulación e control da venda ambulante e destas prazas. Unha iniciativa que —afirmou— xa espertou o interese doutras comunidades e do Estado.

Accións en todo o territorio

Gabriel Alén garantiu tamén a continuidade do amplo programa de actuación no eido da información, da formación e da dinamización comercial da man dos centros comerciais abertos e das federacións de comerciantes co gallo de chegar a todo o territorio con iniciativas como Merca no teu Comercio ou as campañas extraordinarias que contribuíron este ano á mellora dos plans de actividade comercial nas diferentes contornas.

Non quixo esquecerse do papel fundamental que xogan as novas xeracións para o futuro do comercio, destacando que o programa Localízate para darlles a coñecer as súas bondades e para impulsar o seu espírito emprendedor ampliará participación de cara ao 2026, repetindo a formación e as actividades lúdicas nas sete grandes cidades galegas. 

Publicacións Relacionadas