- José González convidou a gozar da ampla programación prevista para estes días en Ribadavia arredor dos produtos artesáns e alimentarios de calidade e sinalou que este mercado suporá un punto de inflexión na recuperación do tecido comercial da vila
- Coincidindo co evento, abren hoxe locais que estaban en desuso, dos 15 previstos para 2026, e que veñen de ser acondicionados para formar parte de Vilas Vivas, tres deles xa adxudicados e o resto acollendo diferentes actividades artesanais
- María José Gómez salientou que este tipo de iniciativas serven para poñer en valor o bo facer dos produtores galegos e, neste sentido, nas vindeiras semanas celebraranse mercados de Artesanía Alimentaria nas cidades de Ferrol e Lugo
- A conselleira reafirmou a aposta do Goberno galego pola promoción dos produtos de calidade diferenciada e, no vindeiro ano, destaranse 10 millóns de euros para seguir apoiándoos nesta materia, dous máis que neste ano
- ‘Artesanía, Saber e Sabor’ desenvolverase entre hoxe e o 8 de decembro en horario de 11:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 20:00 h., e contará con 14 obradoiros de Artesanía de Galicia, ademais de talleres abertos ao público e cursos de formación especializada
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañados delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e por outros representantes do Goberno autónomico participaron esta tarde na inauguración da segunda edición do evento Artesanía, Saber e Sabor, que se celebrará durante toda esta ponte na vila do Ribeiro e que marcará tamén o inicio do proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas, impulsado pola Xunta no marco das accións do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
Durante a súa intervención, o conselleiro convidou a gozar da ampla programación prevista para estes días en Ribadavia arredor dos produtos artesáns e alimentarios de calidade e sinalou que este mercado significará tamén un punto de inflexión na recuperación do tecido comercial da vila a través dos seus elementos tractores. Así, indicou que, xunto coas accións que se desenvolverán estes días na Praza Maior, na igrexa da Madalena e noutros enclaves da vila, parte das actividades deste Nadal terán lugar xa nos nove locais —dos 15 que chegarán a formar parte do proxecto en 2026— que veñen de ser acondicionados para integrarse en Vilas Vivas. Tres deles, apuntou González, xa están adxudicados a Pura Vila, Colado de Sabores e A Tafona do Camiño —que abren hoxe as súas portas—, mentres que o resto acollerán diferentes obradoiros e actividades durante este mercado e tamén no Nadal, en sinerxía co conxunto da vila.
José González puxo tamén en valor as sinerxías de Artesanía, Saber e Sabor e de Vilas Vivas co resto do tecido comercial de Ribadavia, que como novidade neste mercado contarán cun espazo específico na Alameda e, ademais, varios locais reforzaron a súa imaxe en liña coa do proxecto. A isto, engadiu, súmase a decoración de escaparates emblemáticos da vila, o que contribuirá a embelecer aínda máis o espazo e a atraer visitantes.
O conxunto de actividades comerciais e de lecer, indicou o conselleiro, permitirá ao público gozar de Ribadavia e reforzará o comercio local como motor económico, social e turístico, contribuíndo á atracción de visitantes e á xeración de riqueza e emprego.
Aposta pola promoción dos produtos de calidade
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural destacou que este é o primeiro dos mercados de Artesanía Alimentaria que se celebrarán este Nadal na nosa comunidade. Do 12 ao 14 de decembro terá lugar un en Ferrol e, do 19 ao 21, en Lugo. Neste sentido, afirmou que este tipo de inciativas serven para poñer de relevo o bo facer dos produtores galegos e, incidiu que actualmente o selo de Artesanía Alimentaria conta con 151 operadores que ofrecen unha ampla variedade de produtos para todos os gustos.
María José Gómez reafirmou o compromiso do Goberno galego a prol da promoción dos proprodutos agroalimentarios de calidade galegos. Por iso, explicou que estes mercados enmárcanse dentro do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, a través do cal se promocionan os distintos indicativos cos que conta a comunidade, e ao cal no próximo ano se destinarán 10 millóns de euros, dous máis que neste 2025.
Programación de ‘Artesanía Saber e Sabor’
Desde hoxe e ata o luns 8, en horario de 11,00 h. a 14,00 h. e de 16,00 h. a 20,00 h., o casco histórico de Ribadavia converterase nun gran mercado aberto de produtos amparados baixo os selos de Artesanía Alimentaria e Artesanía de Galicia, ademais de escaparate para o comercio local.
Concretamente contará con 14 obradoiros de Artesanía de Galicia distribuídos entre a Igrexa da Madalena e a rúa Banda da Lira —xa nos locais integrados no proxecto Vilas Vivas—, así como con obradoiros gratuítos para todos os públicos e cursos de formación especializada en artesanía vinculada ao Nadal e, como novidade, un espazo específico na Alameda onde os comercios de Ribadavia poderán ofrecer os seus produtos.
Así mesmo, a Consellería do Medio Rural contará con diversos espazos na Praza Maior para promocionar os produtos agroalimentarios galegos amparados por distintivos de caldiade diferenciada. En concreto, haberá unha carpa na que estarán presentes 31 produtores de Artesanía Alimentaria, un espazo dedicado a catas de viños coa participación de 14 adegas da Denominación de Orixe Ribeiro e outro reservado para actividades infantís.
A maiores, na rúa Yáñez contarase con outra zona para a degustación de produtos de calidade diferenciada chamado “Cousas ricas”, no que se poderán probar receitas elaboradas con estes alimentos. A programación completarase con actividades musicais, espectáculos de maxia e baile, así como sorteos de lotes de Artesanía de Galicia e Artesanía Alimentaria e tamén coa visita de Papá Noel.



