HomeXunta de GaliciaA Xunta incide na necesidade de promover a saúde no deporte de...

A Xunta incide na necesidade de promover a saúde no deporte de alto nivel e destaca o compromiso do Goberno Galego neste ámbito

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participa na xornada ‘A saúde do deporte do alto nivel’ , organizada pola Universidade da Coruña e a Administración autonómica no marco da Cátedra SXD Galicia Activa
  • Diego Calvo lembrou o traballo que se leva a cabo desde a Oficina de Atención ao Deportista para asesorar a estes deportistas, tanto durante como despois de rematar a súa carreira, en ámbitos como a formación e a inserción laboral, ademais de dotalos de recursos de conciliación laboral e académica e servizos de atención psicolóxica

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na xornada A saúde do deporte do alto nivel, organizada pola Universidade da Coruña (UDC) coa colaboración da Xunta, no marco da Cátedra SXD Galicia Activa, a través da que ambas institucións colaboran para promover o intercambio de experiencias no ámbito da actividade física e a saúde, promovendo a transferencia científica e a formación de profesionais que contribúan a incrementar os estilos de vida activos da poboación galega. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, interviu na inauguración do evento.

Durante o acto, o conselleiro destacou que en Galicia se seguen batendo récords con arredor de 1.700 deportistas recoñecidos de alto nivel e, nesta liña, fixo fincapé na necesidade de promover a saúde física e mental neste ámbito. A Xunta -sinalou-está comprometida con este obxectivo e, a través da Oficina de Atención ao Deportista, traballa a prol dos deportistas galegos con distintos convenios coas tres universidades galegas, a Consellería de Emprego, Comercio ou Emigración ou a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Deste xeito, preténdese atender as demandas dos deportistas de alto nivel sobre orientación e conciliación laboral e académica ou asistencia psicolóxica, tanto durante como despois da súa carreira deportiva, así como dotalos de recursos relacionados coa súa formación ou inserción laboral.

De feito, na xornada de hoxe abordouse a saúde física e mental como piares fundamentais no rendemento deportivo de alto nivel con expertos como o doutor en Ciencias de Actividade Física e o Deporte, Carlos Lalín, que traballou con clubs como o R.C. Deportivo da Coruña, Real Madrid, Chelsea Football Club, AS Roma, Tottenham Hostpur F.C e Manchester United, ou a catedrática de Psicoloxía Social, Isabel Balaguer, psicóloga do tenista Carlos Alcaraz. Ademais, celebrouse unha mesa redonda con deportistas que atravesaron situacións de lesións ou enfermidades relevantes ao longo da súa carreira, así como profesionais do ámbito: o doutor Carlos Lalín, o piragüista Carlos Arévalo, a exxogadora de squash Xisela Aranda e o ciclista Damián Ramos. Noutra das mesas a ximnasta Melania Rodríguez, o atleta Adrián Ben e o remeiro Rodrigo Conde trataron con Isabel Balaguer reflexións sobre a saúde mental no alto rendemento.

Na súa intervención, o conselleiro de Deportes tamén enxalzou o alto nivel que acadou o deporte galego nos últimos anos e lembrou o compromiso da Xunta para apoiar este crecemento con medidas como a futura transformación do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra -ao que a Xunta destina un investimento anual de 3 millóns de euros- nun Centro de Alto Rendemento (CAR) no polígono de Cernadiñas Novas, que permitirá manter e mesmo aumentar a excelencia do deporte na comunidade.

Trátase dun proxecto de interese autonómico que contribuirá a complementar e aumentar os programas de tecnificación e alto rendemento deportivos de Galicia e, deste xeito, proporcionar aos deportistas as mellores condicións de adestramento; garantir que ningún profesional teña que buscar fóra de Galicia o seu futuro por falta de infraestruturas e atraer a deportistas de toda España para que desenvolvan a súa carreira deportiva na comunidade.

Publicacións Relacionadas