A Xunta incrementa as axudas para gastos de funcionamento das agrupacións de persoal voluntario de Protección Civil

adminON
Lectura mínima de 3

― O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de subvencións deste ano, cunha dotación que pasa de 340.000 a 370.000 euros

― Están dirixidas ás entidades dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios

A Xunta incrementa a 370.000 euros as axudas para gastos de funcionamento das agrupacións de persoal voluntario de Protección Civil, 30.000 euros máis que nos anteriores exercicios. Así se recolle na convocatoria deste ano publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia e dirixida ás entidades dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios inscritas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil (AVPC).
A través desta medida, o Goberno galego colabora economicamente coas AVPC nos seus gastos correntes e contribúe ao seu funcionamento, pese a tratarse dunha competencia de carácter local.
As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e vestimenta persoal de uniforme, así como a equipos de prevención e protección, e material informático e de comunicación, sempre que se trate de material funxible. Tamén son subvencionables os custos das actuacións levadas a cabo pola agrupación; da conservación, mantemento e alugamento da base e medios de intervencións; e da formación dos seus membros, así como o pagamento de seguros do persoal voluntario.
As entidades interesadas teñen o prazo dun mes desde mañá para presentar as súas solicitudes a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal.

Segundo a orde publicada, para a valoración terase en conta o número de mobilizacións da agrupación no ano 2024, a prestación mancomunada do servizo, o risco potencial de emerxencia estimado polo Platerga, e a poboación e extensión do territorio no que opera a entidade, entre outros criterios.

Apoio tamén á dotación de material
Esta orde de axudas anual súmase á liña de apoio específica para a dotación de material. A través de ambas as dúas, a Xunta quere promover a creación, o desenvolvemento e o equipamento das organizacións do voluntariado de Protección Civil, tal e como se establece na Lei de Emerxencias de Galicia.

Nesta liña, a Xunta leva destinado nos últimos anos 18 millóns en apoio ás 235 agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Galicia integradas por máis de 4.000 persoas. Desta cifra, 14 millóns van dirixidos a reforzar o equipamento destes colectivos e os 4 millóns restantes para colaborar nos custos de funcionamento.

Comparte este artigo