As actuacións, que se adaptarán ao réxime de mareas e dependerán en boa medida das condicións meteorolóxicas e marítimas da zona, buscan retirar o tapón de area co obxectivo de que este espazo recupere o nivel natural de auga que ten habitualmente
A Xunta, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, comezará a actuar mañá na lagoa de Baldaio, no concello de Carballo, co fin de restaurar o fluxo de auga entre o humidal e o mar e garantir o equilibrio do ecosistema.
Os traballos, que se adaptarán ao réxime de mareas e dependerán en boa medida das condicións meteorolóxicas e marítimas da zona, buscan retirar o tapón de area existente co obxectivo de que a lagoa recupere o nivel natural de auga que ten habitualmente.
O humidal da lagoa de Baldaio, que está incluída na ZEC Costa da Morte, formouse na parte posterior dunha gran barreira de area que percorre a praia da contorna. Esa barreira litoral tende a reter as augas pluviais e de escorrentía procedente do continente e tamén regula un fluxo profundo entre estas e as augas mariñas.
Desde a súa inclusión na Rede Natura 2000 o humidal sufriu distintas actuacións tanto para mellorar as súas características ecolóxicas e paisaxísticas como para racionalizar o uso por parte do sector marisqueiro existente na zona.
O humidal segue sendo de alimentación mixta, mantendo a conexión permanente ou case permanente co mar a través da antiga presa existente nun dos extremos, que carece agora de comportas, e pola que se produce o fluxo de augas mariñas e continentais entre o mar e o humidal. Ese fluxo vese favorecido polo control da presa interna e pola existencia dun pozo profundo próximo á mesma.
A permanencia de auga determina a presenza de distintos tipos de ecosistemas característicos dos humidais litorais de augas con diferente grao de salinidade.



