HomePontevedraA ParadantaA Xunta inicia os trámites para declarar Espazo Natural de Interese Local...

A Xunta inicia os trámites para declarar Espazo Natural de Interese Local as Carballeiras do río Alén, en Barcia de Mera, no concello de Covelo

- Anuncio -spot_img

A conselleira e o rexedor analizaron a memoria elaborada polo Concello co fin de preservar os valores naturais existentes na contorna mediante a súa declaración como ENIL e garantir así unha correcta xestión e conservación dos distintos espazos

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo recentemente un encontro co alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo, no que lle trasladou que a Xunta xa iniciou os trámites para declarar espazo natural de interese local (ENIL) as carballeiras do río Alén, na parroquia de Barcia de Mera, tras recibir a solicitude do Concello.

A responsable autonómica e o rexedor analizaron a memoria elaborada polo Goberno local para a declaración do ENIL Río Alén, co fin de velar polos valores naturais existentes na contorna e garantir a súa correcta xestión e conservación. Trátase dunha área fluvial na que priman dous hábitats, o bosque de ribeira de amieiro e unha carballeira termófila na que predominan o carballo e o loureiro.

Neste sentido, o alcalde explicou que está a manter contactos con distintas administracións, asociacións, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Barcia de Mera, centros de investigación e outras entidades interesadas na conservación da biodiversidade e do patrimonio cultural da zona co fin de desenvolver as diferentes actuacións que están incluídas na memoria.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, trasladoulle o compromiso da Xunta coa protección dos espazos naturais da comunidade e a importancia de involucrar ao conxunto da cidadanía neste labor, sensibilizando e concienciando sobre a relevancia de preservar as distintas especies de flora e fauna existentes en zonas de especial valor coma esta, que conta con áreas que están integradas na Rede Natura 2000.

A memoria do ENIL Río Alén inclúe actuacións que se estruturan en catro liñas de acción, desde a ampliación do coñecemento sobre o patrimonio natural deste espazo e dos servizos ecosistémicos que ofrece á sociedade ata a conservación da biodiversidade, pasando pola ordenación do uso público e pola divulgación e educación ambiental.

Neste sentido, as partes coincidiron na transcendencia de recorrer a figuras de protección coma esta para preservar os espazos naturais con especial valor, adoptando as medidas oportunas desde os diferentes eidos e lograr que as futuras xeracións poidan desfrutar do rico e variado patrimonio natural co que conta Galicia.

Publicacións Relacionadas