HomeOurenseO RibeiroA Xunta iniciará en Ribadavia o proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas...

A Xunta iniciará en Ribadavia o proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas coincidindo coa segunda edición do mercado “Artesanía, Saber e Sabor”

- Anuncio -spot_img
  • Por segundo ano, a vila acollerá un mercado de Nadal que reunirá produtos artesáns e alimentarios de calidade e potenciará o comercio local, dinamizando baixos en desuso e favorecendo a actividade no seu casco histórico
  • Contará con 14 obradoiros de Artesanía de Galicia distribuídos entre a Igrexa da Madalena e a rúa Banda da Lira, así como con talleres gratuítos para todos os públicos, cursos de formación especializada en artesanía, entre outros
  • A Consellería do Medio Rural contará con espazos para a promoción dos produtos amparados por selos de calidade diferenciada coa participación de 32 produtores de Artesanía Alimentaria e catro adegas da Denominación de Orixe Ribeiro
  • O evento marca o punto de partida de Vilas Vivas, unha acción pioneira enmarcada no Plan estratéxico do comercio cuxo piloto será en Ribadavia e que posteriormente se ampliará a outras localidades senlleiras e con alta concentración de locais pechados
  • Así, coincidindo con este evento, abriranse nesta vila preto dunha decena de locais que acollerán actividade comercial, artesanal e cultural en formato efémero e irase ampliando de maneira gradual ata chegar aos 15 establecementos en 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, presentou esta mañá xunto co alcalde de Ribadavia, César Fernández, a segunda edición do evento Artesanía, Saber e Sabor, que se celebrará entre o 5 e o 8 de decembro no casco histórico de Ribadavia e que será o punto de partida do proxecto pioneiro de revitalización comercial Vilas Vivas, encadrado nas medidas do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Segundo salientou o responsable autonómico, por segundo ano consecutivo —e en colaboración coa Consellería do Medio Rural— o casco histórico de Ribadavia converterase na ponte de decembro nun gran mercado aberto de produtos amparados baixo os selos de Artesanía Alimentaria e Artesanía de Galicia, ademais de escaparate para o comercio local. Concretamente contará con 14 obradoiros de Artesanía de Galicia distribuídos entre a Igrexa da Madalena e a rúa Banda da Lira —xa nos locais integrados no proxecto Vilas Vivas—, así como con obradoiros gratuítos para todos os públicos e cursos de formación especializada en artesanía vinculada ao Nadal e, como novidade, un espazo específico na Alameda onde os comercios de Ribadavia poderán ofrecer os seus produtos.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural contará con diversos espazos na Praza Maior para promocionar os produtos agroalimentarios galegos amparados por distintivos de caldiade diferenciada. En concreto, haberá unha carpa na que estarán presentes 32 produtores de Artesanía Alimentaria, un espazo dedicado a catas de viños coa participación de 14 adegas da Denominación de Orixe Ribeiro e outro reservado para actividades infantís.

A maiores, na rúa Yáñez contarase con outra zona para a degustación de produtos de calidade diferenciada chamado “Cousas ricas”, no que se poderán probar receitas elaboradas con estes alimentos. A programación completarase con actividades musicais, espectáculos de maxia e baile, así como sorteos de lotes de Artesanía de Galicia e Artesanía Alimentaria e tamén coa visita de Papá Noel.

Martín Alemparte sinalou que a primeira edición deste evento amosou o papel dinamizador que teñen as actividades deste tipo, que contribúen a crear experiencias únicas e dinámicas de fluxo de poboación cara as zonas nas que se celebran, xerando unha oportunidade turística moi destacada. Asemade, salientou que se trata dun espazo idóneo non só para dar a coñecer a calidade e diversidade dos produtos agroalimentarios galegos, senón tamén para que os consumidores poidan coñecer e poñerlles cara ás persoas que realizan estas elaboracións.

Arranque do proxecto Vilas Vivas

Durante a rolda de prensa, José González salientou que esta nova edición de Artesanía, Saber e Sabor non só consolida o éxito acadado o ano pasado —con arredor de 8.000 visitantes—, senón que representa o inicio dun modelo innovador de dinamización comercial en vilas senlleiras. Así, o conselleiro subliñou que Vilas Vivas converterá Ribadavia na primeira experiencia dun proxecto destinado a recuperar o comercio local de cascos históricos singulares, con potencial turístico e cunha produción local senlleira como motor económico a través da rehabilitación de baixos en desuso e a súa posta a disposición dos comerciantes e artesáns en réxime de licitación pública.

A súa implementación, segundo explicou, será gradual. A partir do 5 de decembro, coincidindo co evento Artesanía, Saber e Sabor abriranse preto dunha decena de locais que acollerán actividades comerciais, artesanais e culturais en formato efémero, e permanecerán ao longo de todas as festas do Nadal, facilitando así as sinerxías coa programación de Nadal do Concello—. A continuación, no primeiro trimestre do ano, período no que se desenvolverá tamén unha acción de dinamización arredor do viño do Ribeiro, avanzarase na reforma dos locais xa alugados co fin de abrilos ao público de maneira progresiva e acadar no mes de xuño de 2026 un total de 15 establecementos distribuídos por tres rúas e prazas do casco histórico. O obxectivo é artellar unha zona comercial tractora que impulse a economía da vila da man dos axentes locais -comercio, restauración, Praza de Abastos…- , aproveitando a identidade histórica de Ribadavia e o peso de cuestións diferenciais como o viño do Ribeiro, o patrimonio, a paisaxe, o termalismo ou a gastronomía para completar de desañar unha proposta integral de cara ao visitante, de dentro ou de fóra de Galicia contando tamén coa oportunidade do AVE.

Publicacións Relacionadas