A Xunta insiste en que o novo mapa concesional de transporte de viaxeiros por estrada debe tratarse na Conferecia Sectorial de Transportes

adminON
Lectura mínima de 4
  • A directora xeral de Mobilidade participou na Comisión de Directores Xerais de Transporte do Estado e das Comunidades Autónomas, onde, xunto con outros 10 territorios, demandou a retirada deste tema da orde do día e gañou a votación
  • O Goberno galego rexeita o deseño proposto, que discrimina e atenta contra a igualdade da cidadanía, eliminando rutas, paradas e servizos ao tempo que incrementa horarios
  • Lamenta unha vez máis que se recorra á imposición das medidas e non se informe nin se busque consenso coas comunidades autónomas

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou hoxe na reunión da Comisión de Directores Xerais de Mobilidade convocada polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, onde insistiu na demanda de que o novo mapa concesional de transporte de viaxeiros por estrada do Estado se aborde na Conferencia Sectorial de Transportes. De feito, xunto con outras 10 comunidades, Galicia obrigou a retirar o tema da orde do día da xuntanza de hoxe.

Na súa intervención, a directora xeral lamentou tamén a “nova falta de lealdade institucional” demostrada polo Ministerio de Transportes, ao enviar unha nota de prensa informando aos medios da comunicación ás comunidades autónomas dos cambios no mapa concesional antes de tratar o tema na Comisión de Directores Xerais.

O tema central da convocatoria de hoxe era o mapa concesional, que xa fora tratado en dúas reunións anteriores sen resultados e sen que se convoque a Conferencia Sectorial para abordalo. Neste sentido, a Xunta lamenta unha vez máis que se queiran facer os cambios por imposición, sen escoitar as comunidades autónomas e sen atender ás particularidades de cada territorio. No caso de Galicia, pídese que se teñan en conta as súas características xeográficas e poboacionais, e que se garantan as conexións no rural.

Segundo sinalou a directora xeral, o deseño proposto “elimina rutas, elimina paradas, elimina servizos, incrementa transbordos e non ten en conta a diversidade do país”. Deste xeito, desaparecían case o 50% das rutas e medrarían un 75% os concellos sen paradas, coa eliminación de case 10.000 puntos de recollida. Como consecuencia 3,25 millóns de persoas quedarían sen servizo de autobús estatal.

Desde Galicia insístese no rexeitamento ao mapa concesional de transporte por estrada proposto polo Goberno central, que deixa illados máis dunha vintena concellos galegos que suman 130.000 habitantes coa eliminación de case un cento de servizos, así como varias localidades sen parada e obrigando a facer transbordos.  

Denuncia ademáis que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible continúa coa implantación do mapa concesional sen modificar o deseño inicial de 2022, e sen ter en conta as alegacións das comunidades autónomas.

Judit Fontela afirmou que a Xunta non se reunirá co Ministerio en xuntanzas bilaterais técnicas, nin abordará o tema do mapa concesional nas comisións de directores xerais, ata que se convoque a Conferencia Sectorial. Dada a importancia que ten para Galicia esta nova ordenación do transporte por estrada, o Goberno autonómico entende que debe tratarse ao máis alto nivel e deseñarse con consenso e colaboración entre administracións, ao tempo que denuncia que esta medida se quere impoñer de xeito precipitado, sen información nin consenso coas comunidades autónomas.

Comparte este artigo