O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou nun xantar informativo coa Asociación Clúster de Empresas de Enxeñaría, Consultaría e Servizos Tecnolóxicos
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe nun xantar informativo coa Asociación Clúster de Empresas de Enxeñaría, Consultaría e Servizos Tecnolóxicos de Galicia (AGEINCO), onde insistiu na urxencia de que o Goberno central avance nos proxectos de mobilidade comprometidos con Galicia, como o AVE Galicia-Portugal e o Corredor Atlántico, entre outros.
Nesta liña, referiuse ao recente acto Queremos AVE, celebrado en Vigo para unir forzas na demanda de axilizar os trámites dunha “infraestrutura estratéxica e prioritaria” para a comunidade como é a conexión de alta velocidade con Portugal. Diego Calvo lamentou tamén a falta de respostas con respecto ao Plan director do Corredor Atlántico do que “seguimos sen ter información nin avances, coa conseguinte caída de investimentos e de oportunidades para os profesionais que desenvolven os proxectos que o conforman”.
Na súa intervención, o conselleiro destacou o compromiso da Xunta coa mobilidade, con instrumentos como a Estratexia Galega de Mobilidade e medidas de mellora en paradas de autobús, marquesiñas, aparcadoiros disuasorios e sendas peonís, entre outros. Apuntou tamén a aposta pola dinamización da obra pública co impulso ás infraestruturas deportivas e administrativas, tanto de titularidade autonómica como municipal a través de diferentes liñas de axudas, así como ás xudiciais.
Para Diego Calvo, os profesionais das diferentes enxeñarías son elementos clave no desenvolvemento económico e social, ademais de aliados estratéxicos das administracións para a execución de proxectos estratéxicos no eido das infraestruturas, a calidade ambiental ou a tecnoloxías.

