- A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, lembrou no Parlamento galego que son o Goberno central e Aena os que deben liderar o impulso dos aeroportos galegos sen pretender evadir as súas responsabilidades cara a outras administracións
- Lembra que a Xunta “fai os deberes” cun investimento de 13M€ con promoción turística en orixe para atraer visitantes á comunidade
- Agarda que o grupo técnico que se comprometeu crear no Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia traslade a información necesaria coa que contribuír a paliar a falta de información por parte de Aena
- Denuncia o agravio continuo do Ministerio coa comunidade tanto no transporte aeroportuario como nos servizos ferroviarios
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, compareceu hoxe no Parlamento galego sobre a decisión da empresa Ryanair de reducir a súa actividade nos aeroportos galegos. Na súa intervención, advertiu de que o anuncio da compañía de cesar operacións desde xaneiro no aeroporto de Vigo e os recortes no de Santiago de Compostela, xunto cos de outras compañías como Iberia, que xa reduciran frecuencias este ano, evidencian as consecuencias da “deixadez e inacción” do Goberno central para asumir as súas competencias no transporte aéreo.
Nesta liña, debido a que a competencia exclusiva dos aeroportos de interese xeral é estatal, ao igual que a titularidade das instalacións aeroportuarias, Judit Fontela incidiu en que é o Goberno central o que ten que implicarse na procura da solución á situación actual, marcada pola retirada de aeroliñas e o incremento das taxas.
Do mesmo xeito, no que se refire á coordinación dos aeroportos de interese xeral como os galegos lembrou que precisamente Aena e o Goberno central, como autoridades competentes, son os que deben liderar a coordinación das tres terminais da comunidade.
Ao igual que sinalou o conselleiro de Presidencia o pasado venres tras a reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia, hoxe a directora xeral de Mobilidade esixiu de novo a Aena unha actitude “máis proactiva” para exercer as súas competencias e impulsar os aeroportos galegos en lugar da “inacción e a deixadez de funcións” coas que pretende evadir as súas responsabilidades cara a outras administracións.
Tamén achacou a Aena a falta de información, polo que agarda que se cumpra o acordado o pasado venres por parte do secretario xeral de Transporte Marítimo e Aéreo que, a proposta da Xunta, se comprometeu a crear un grupo de traballo técnico no seo do Comité de Coordinación para trasladar datos sobre demanda de rutas e prazas e custos dos aeroportos, cifras claves para ter unha posición máis organizada na coordinación dos aeroportos galegos.
Entre a información que debe compartir Aena, a Xunta pide coñecer os detalles para os aeroportos galegos do Plan de Investimentos 2027-2031, dos que xa se coñece que máis do 80% dos fondos se concentrarán noutras terminais, ningunha delas en Galicia. “Non somos moi optimistas se atendemos á liña habitual do Goberno e nos plans anteriores non chegou ao 2,5% no conxunto dos tres aeroportos galegos”.
Durante a comparecencia, Judit Fontela sinalou que, fronte á inacción do Goberno central a Xunta “fai os deberes” e está a levar a cabo o plan de promoción turística, dotado este ano con 13 millóns de euros para executar 130 accións en máis dunha trintena de países co obxectivo de incentivar o destino galego e atraer máis visitantes á comunidade. Neste senso, engadiu que máis dun terzo dos visitantes que recibiu Galicia o ano pasado eran de orixe internacional, ao que, entre outras medidas, -matizou- contribuíu tamén esta promoción. Aclarou que se trata dunha promoción en orixe, polo que o medio de transporte escollido é unha opción persoal e no caso do aeroportuario ou ferroviario, competencia estatal.
Ademais da coordinación aeroportuaria en Galicia, a directora xeral de Mobilidade advertiu das consecuencias para o turismo e a competitividade empresarial da comunidade galega debido aos aumentos das taxas dun 6,5% en 2026 e do peche de rutas, tendo en conta que Galicia é unha das zonas máis afectadas. Ademais, esta situación provocará -sinalou- incremento dos prezos dos billetes para as persoas usuarias.
Por iso, indicou que Aena na súa xestión debe primar o interese público e ten que comprometerse con potenciar os pequenos e medianos aeroportos para contribuír ao equilibrio territorial en España no canto de aumentar aínda máis os seus beneficios. Lembrou que Aena non é unha empresa calquera, senón unha sociedade mercantil estatal participada maioritariamente polo Estado e, polo tanto, asimilable a un ente público.
A situación actual motivou que o conselleiro urxise xa hai unhas semanas por carta ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, unha reunión para abordar medidas a estes anuncios de eliminación de destinos e prazas e paliar a suba de prezos ademais da necesidade de recuperar as frecuencias aéreas previas á covid, unha demanda que estendeu ás frecuencias de tren eliminadas na pandemia. Os problemas actuais no transporte aeroportuario son, segundo Judit Fontela, un “agravio” máis con Galicia, como os que xa padecen as persoas usuarias dos servizos ferroviarios con continúas avarías, retrasos, cancelacións, falta de información ou problemas coa reserva de billetes. Entre os incumprimentos do Ministerio citou a promesa incumprida do interlocutor con Renfe, retrasos nos avances de infraestruturas ferroviarias clave ou a proposta de absoluta desconexión do rural galego no mapa concesional de autobuses estatal.