A Xunta insta ao goberno Central a axilizar a homologación de títulos formativos para facilitar a integración sociolaboral dos retornados

adminON
Lectura mínima de 6

— O conselleiro puxo en valor o traballo desenvolvido a través da Estratexia Galicia Retorna e a necesidade de que o Executivo asuma as súas competencias e colabore no financiamento destas políticas autonómicas de retorno, das que Galicia é pioneira

— Nesta liña, demandou que se eliminen as desigualdades fiscais coas que grava o Estado os retornados, por exemplo, coa exención de tributación no Imposto sobre a Renda dos Non Residentes aos emigrantes e descendentes con vivenda en Galicia

— Así mesmo, solicitou que se concedan os permisos de residencia e traballo de forma automática ás persoas que volvan á nosa terra conformando unha familia retornada

— Defendeu a necesidade de captar talento do exterior da man das empresas, para reforzar a competitividade empresarial ou a remuda xeracional, e destacou o traballo realizado por Galicia para regularizar inmigrantes a través da capacitación laboral

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, reuniuse hoxe en Madrid coa secretaria de Estado de Migraciones, Pilar Cancela, ante a que debullou a aposta da Xunta a prol do retorno de galegos do exterior a través da Estratexia Galicia Retorna. Un plan pioneiro, en constante evolución, e que o a Xunta implementa a través de ferramentas que se seguirán potenciando en 2025 como o programa Retorna Cualifica Emprego.

Pero para facilitar a integración sociolaboral destas persoas, explicou González, é necesario unha maior implicación do Goberno en cuestións da súa competencia, a nivel burocrático ou fiscal. Nese senso, demandou -entre outras – a axilización da homologación de títulos formativos co gallo de favorecer a entrada no mercado laboral dos retornados. Isto, sinalou, é prioritario, porque “non é de xustiza que persoas cualificadas teñan problemas para exercer a súa profesión, e máis cando o mercado precisa o seu talento”. Como exemplo, explicou, “é fundamental” eliminar a maraña que sofren os retornados que chegan a Galicia a estudar un posgrao a través das bolsas BEME da Xunta e precisan, como é lóxico, a homologación estatal dos títulos universitarios obtidos no exterior.
Permisos de residencia e fiscalidade
Outra das cuestións que trasladou hoxe o conselleiro á secretario de Estado é que se concedan os permisos de residencia e traballo de forma automática ás persoas que volvan á nosa terra conformando unha familia española retornada. Tamén -nese senso- que se eliminen as desigualdades fiscais coas que a lexislación estatal grava os emigrantes e os retornados, mellorando a información e os criterios que aplica a Agencia Tributaria.

Así, pediu -por exemplo- eximir de tributación no Imposto sobre a Renda dos Non Residentes aos emigrantes e descendentes que manteñan unha vivenda en Galicia, ademais dun tratamento especializado no momento do retorno das rendas do traballo capitalizadas durante toda a vida laboral dos emigrantes.

Xa no eido sanitario, González abordou a situación dos retornados de Suíza, que teñen obstáculos estatais para acceder á cobertura sanitaria universal. Hoxe, sinalou, poden seguir pagando a prestación en Suíza ou subscribir un convenio especial co Instituto Nacional da Seguridad Social (INSS). A Xunta está absolutamente comprometida con recoñecer este dereito -afirmou- asumindo o custo íntegro da asistencia sanitaria destas persoas, pero solicitou a eliminación desta cota por parte do INSS.

A colaboración do Goberno, tamén a nivel económico
No seu plan de atracción de talento, lembrou o conselleiro, a Xunta aposta nun primeiro eixo por favorecer o retorno de galegos da diáspora, insistindo na importancia de que o Goberno deseñe unhas liñas básicas de actuación e, en segundo lugar, dote as CCAA de financiamento para afondar nesta folla de ruta, na que Galicia é líder a nivel estatal.

No referido aos traballadores de terceiros países -o segundo eixo do plan de atracción de talento, chave para reforzar a competitividade empresarial, garantir a remuda ou cubrir vacantes-, o conselleiro puxo de relevo que Galicia defende unha inmigración ordenada e da man das empresas, a través de diferentes medidas que buscan garantir a integración sociolaboral a través de ferramentas como as microformacións.

Mostra desta estratexia da Xunta é o programa de arraigamento para inmigrantes sen permiso de residencia, que se vén de renovar, e a través do que se atende dun xeito integral e vencellado á súa capacitación laboral a estas persoas. Un traballo que argumenta parte das alegacións de Galicia ao novo regulamento de estranxeiría, enfocadas en pedir que non se atranque a vía do arraigamento pola formación. Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Comparte este artigo