HomeA CoruñaA Xunta instala paneis informativos na contorna do río Condomiñas, en Cedeira,...

A Xunta instala paneis informativos na contorna do río Condomiñas, en Cedeira, para mellorar a concienciación da veciñanza sobre o risgos de asolagamentos

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez explica que o obxectivo é sensibilizar á poboación na preparación ante posibles inundacións para reducir os riscos potenciais, dando a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas
  • Ademais da instalación de elementos de sinalización, tamén se desenvolveron actividades divulgativas en centros de ensino e accións comunicativas coa inserción de mensaxes en redes sociais e a elaboración dun blog por parte de Augas de Galicia
  • Indica que o Goberno galego está a traballar na redacción do futuro Plan de riscos de inundación 2028-2033, no que xa se catalogaron un total de 172 áreas fluviais con risco potencial de inundación na bacía Galicia-Costa, dúas máis que no plan actual

Xunta de Galicia instalou sete paneis informativos na contorna do río Condomiñas, no concello de Cedeira, para mellorar a concienciación da veciñanza sobre o risco de asolagamentos nesta zona que está identificada como Área de Risco Potencial e Significativo de Inundación (ARPSI).

Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou este serán á zona, esta actuación busca incrementar a sensibilización pública na preparación ante posibles inundacións para reducir os riscos potenciais deses eventos adversos, dando a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas.

Esta actuación enmárcase no Plan estratéxico de divulgación das ARPSIs, que foi deseñado por Augas de Galicia a finais de 2021 e que inclúe medidas de prevención, preparación, protección e recuperación. Tal e como dixo Ángeles Vázquez, o obxectivo é “mellorar a conciencia pública na preparación para as inundacións e incrementar a percepción do risco de inundacións así como para dar a coñecer as estratexias de autoprotección na poboación”.

En concreto, ademais da instalación de elementos de sinalización, que na actualidade, ademais de en Cedeira, están en ARPSIs de Carballo, Sanxenxo, Bueu, Vimianzo, Zas e Sada; este plan estratéxico tamén inclúe actividades divulgativas en centros de ensino, que no caso de Cedeira se levaron a cabo no CEIP Nicolás del Río e chegaron a preto dun cento de estudantes. A maiores, desenvólvense accións comunicativas coa inserción de mensaxes en redes sociais e a elaboración dun blog por parte de Augas de Galicia que conta cun apartado específico de inundacións.

Plan de riscos de inundación

A conselleira, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, lembrou que o Goberno galego está a traballar na redacción do futuro Plan de riscos de inundación 2028-2033, no que xa se catalogaron un total de 172 áreas fluviais con risco potencial de inundación na bacía Galicia-Costa, que é un paso imprescindible para coñecer os puntos máis sensibles dentro desta conca ante eventos de chuvia extremos ou eventuais episodios de asolagamentos.

Son dúas áreas máis que as que recolle o plan vixente 2021-2027, xa que ademais de ampliar un tramo xa identificado como inundable no río Anllóns, ao seu paso por Ponteceso, inclúe o rego dos Corrais, en Ferrol, e o río Serantes, en Oleiros.

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, por último, referiuse ao investimento realizado por Augas de Galicia en Cedeira desde 2009, que ascende a máis de 10,2 millóns de euros. Ademais, resaltou que na comarca de Ferrol, a Xunta está a mobilizar preto de 100 millóns de euros a través dun paquete integrado por 10 actuacións co obxectivo común de contribuír a optimizar o funcionamento dos sistemas de saneamento, depuración e abastecemento que dan servizo aos concellos de Ferrolterra. Son actuacións executadas nos últimos 4 anos, en marcha ou comprometidas nestes intres.

Publicacións Relacionadas