Home Pontevedra O Salnés A Xunta investirá 392.000€ na nova senda fluvial do río Dorrón para...

A Xunta investirá 392.000€ na nova senda fluvial do río Dorrón para potenciar a conservación da zona e fomentar o ecoturismo no concello de Sanxenxo

- Anuncio -

— Ángeles Vázquez avanza que as obras comezarán nas próximas semanas e servirán para preservar o corredor ecolóxico do río, conectar os espazos naturais existentes na contorna e sensibilizar aos visitantes a través dun percorrido de 3,57 km


— O proxecto prevé unha pasarela elevada de madeira de 20 metros, novas infraestruturas de paso para peóns e ciclistas, colocación de varandas, mobiliario urbano e sinais, ademais de labores de roza de vexetación e eliminación de invasoras

A Xunta de Galicia investirá 392.000 euros na construción da senda fluvial do río Dorrón, un proxecto de carácter medioambiental e turístico co que se busca avanzar na conservación dun entorno natural considerado corredor ecolóxico e fomentar á vez o chamado ecoturismo no concello de Sanxenxo, polo que discorrerá integramente o novo itinerario.

Durante unha visita esta mañá á zona na que se habilitará a futura senda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que a actuación será financiada con parte dos fondos europeos procedentes do NextGeneratioUE que xestiona Galicia en materia de biodiversidade.

Tras percorrer un tramo do itinerario e coñecer os muíños de Quintáns e da Costa acompañada polo alcalde, Telmo Martín, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, a conselleira subliñou que grazas a esta nova senda promocionarase a parroquia de Dorrón e ofrecerase un percorrido ao carón do río para uso e desfrute por parte tanto de peóns como de ciclistas.

Segundo explicou, os traballos sobre o terreo comezarán nas vindeiras semanas e terán unha duración estimada de cinco meses, polo que celebrou que este mesmo ano veciños e visitantes poidan gozar dunha nova ruta desde a que descubrir a riqueza patrimonial que alberga esta zona interior de Sanxenxo, actuando á vez como elemento de sensibilización ambiental.

Neste sentido, ademais de ofrecer unha alternativa de turismo de natureza, ocio e deporte na comarca, Ángeles Vázquez subliñou tamén o carácter medioambiental e paisaxístico da futura actuación, que incluirá a realización de labores de roza e limpeza de vexetación así como a eliminación de especies invasoras e alóctonas, e que se enmarca á vez no concepto de infraestrutura verde polo que aposta a Xunta para vertebrar contornas urbanas con zonas e áreas naturais.

Así mesmo, o proxecto construtivo prevé habilitar unha pasarela elevada de madeira para o paso de peóns e ciclistas de 20 metros de largo —que na súa maior parte será de nova construción—; a habilitación de infraestruturas de paso tanto en madeira como en pedra natural ao longo do percorrido; a colocación de varandas, mobiliario urbano e sinalización; e a creación de paseos de xabre nas marxes das estradas locais que conectan coas aldeas e pobos da contorna.

Así mesmo e tendo en conta que o río Dorrón está considerado un corredor ecolóxico no Plan de ordenación do litoral e a súa proximidade ao complexo intermareal Umia-O Grove, amparado por varias figuras de protección, a conselleira explicou que entre os obxectivos do proxecto tamén figura mellorar o estado de conservación e resiliencia dos hábitats e espazos naturais así como dotar esta zona de instalacións e infraestruturas de uso público que desvíen o fluxo de visitas doutras cun maior valor ecolóxico.

Agradecemento á veciñanza de Dorrón
En total, serán 3,57 quilómetros que discorrerán maioritariamente ao carón do río, entre unha paisaxe de bosque de ribeira na que predominan os ameneiros e freixos e que serve de hábitat para o merlo branco e a lavandeira. O punto de inicio estará nas inmediacións da praia de Areas, en Bordóns, e o percorrido acabará no Muíño de Xián, localizado xa en Dorrón.

Neste sentido e aproveitando a presenza durante a visita de medio cento de veciños desta parroquia, a conselleira agradeceu a súa “grande implicación” no proxecto, que se traduciu en case 280 cesións de terreos particulares co fin de que se puideran incorporar ao trazado definitivo e alongar así o itinerario.

Na mesma liña, tamén o alcalde de Sanxenxo destacou o apoio veciñal á futura senda. “Se non fora por esas 300 persoas de Dorrón que asinaron e cederon terreos, este proxecto non sería unha realidade”, declarou Telmo Martín, que se amosou convencido de que nun concello no que “máis do 80% da economía” está baseada na actividade turística, esta nova ruta servirá para potenciar aínda máis “un turismo de calidade”.

Relacionadas

O Concello presenta a sexta edición da Feira de Minerais de Guláns que inclúe...

0
• O evento, que se desenvolve entre o 3 e 5 de maio, inclúe obradoiros nos colexios do municipio O Concello presentou a sexta edición...

Ruta guiada polo Val do Louro, Covelo, este domingo día 28

0
De trazado circular e dificultade media, o PRG-258 pode realizarse en arredor de cinco horas partindo ás 09:00 horas do monte da Guía, en...

O proceso participativo da estratexia 2030 recaba as ideas dos axentes sociais da vila

0
• As principais entidades asociativas da vila e empresas expuxeron as súas inquedanzas • Con esta reunión preténdese crear un camiño de unión no cumprimento...

Portas rendirán homenaxe ao cartógrafo e matemático Domingo Fontán no 236 aniversario do seu...

0
O acto desenrolarase este domingo ás 12 horas na Casa de Cultura no lugar de Porta do Conde, lugar de nacemento do insigne ilustrado. A...

Play-Doc reivindica o pasado e o presente do cinema galego na súa 20 edición

0
Play-Doc presenta os trece títulos da Competición Galicia e inaugura a sección Sombras, dedicada a recuperar películas de cineastas galegos cuxa obra foi pouco...

O Concello de Nigrán ofrece este domingo no muíño de Porto do Molle o...

0
A escritora e editora Blanca Trigo suma o seu talento ao do pintor Ramón Trigo para crear unha obra conxunta de gran formato O Concello...

Publicacións Relacionadas