HomeOurenseA Xunta inviste 110.000 euros para o deseño dun proxecto piloto de...

A Xunta inviste 110.000 euros para o deseño dun proxecto piloto de refuxios climáticos no concello de Ourense co fin de impulsar zonas verdes na cidade

- Anuncio -spot_img
  • Este é o primeiro paso da iniciativa, que na súa segunda fase prevé a creación de áreas verdes que sirvan para que a poboación se protexa das altas temperaturas
  • Elaborarase un mapa de illas de calor para identificar os espazos máis quentes e frescos da urbe ao tempo que se determinarán as mellores solucións para crear refuxios climáticos cos que facer fronte aos efectos do quecemento global
  • Ángeles Vázquez subliña que Ourense é o lugar ideal para desenvolver esta iniciativa polo seu clima extremo, unha orografía peculiar e a presenza de abundante infraestrutura gris que intensifica o efecto illa de calor
  • Os resultados permitirán validar unha metodoloxía e un modelo exportable ao resto de concellos galegos de máis de 20.000 habitantes, facilitando que poidan replicalo ou adoptar medidas semellantes na súa área de influencia

A Xunta investirá 110.000 euros a través dun convenio de colaboración coa Universidade de Vigo e o Concello de Ourense no deseño dun proxecto piloto de refuxios climáticos a través do cal se elaborará un mapa de illas de calor e refuxios climáticos na cidade co fin de impulsar novas zonas verdes na área urbana.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinou hoxe o acordo co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e co rexedor ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, para desenvolver os traballos que permitirán localizar tanto eses espazos coas temperaturas máis altas da cidade como os máis frescos e con arborado que poidan empregarse en episodios de moito calor así como a identificación de medidas necesarias para desenvolvelos como o plantado de árbores e outras solucións baseadas na natureza para combater os efectos do quecemento global.

De feito este é o primeiro paso do proxecto piloto de refuxio climático na cidade de Ourense -a elaboración do mapa de illas de calor e refuxios climáticos- ao que seguirá despois a creación de refuxios climáticos, zonas verdes nas que a poboación poida refuxiarse en momentos de temperaturas elevadas.

Ángeles Vázquez salientou que a Xunta financiará integramente os traballos para a elaboración do mapa de áreas quentes e frescas, a Universidade de Vigo encargarase de realizalos e o Concello ofrecerá a súa colaboración no desenvolvemento das actuacións.

Nesta liña, subliñou que a elección da cidade de Ourense para a execución deste proxecto piloto se debeu a que ten un clima moi extremo, con veráns moi cálidos, cunha orografía peculiar e con características das áreas urbanas como a presenza de abundante infraestrutura gris -rúas asfaltadas ou edificios de formigón- que provocan que aumenten aínda máis as temperaturas e o efecto illa de calor.

A conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, tamén lembrou que os resultados obtidos nesta acción permitirán validar unha metodoloxía e un modelo exportable ao resto de concellos galegos de máis de 20.000 habitantes, que poderán replicalo ou adoptar solucións semellantes. Estes espazos verdes de nova creación, ademais de contribuír a facer fronte ás vagas de calor -cada vez máis frecuentes a nivel global- converteranse nun elemento clave para velar pola biodiversidade da contorna ao asegurar a conservación das especies autóctonas e a continuidade dos procesos ecolóxicos.

Estratexia galega

Deste xeito, incidiu a responsable autonómica, a Xunta avanza no seu obxectivo de impulsar as zonas verdes, adaptadas ao cambio climático e cunha mellor calidade de vida, para promover Galicia como refuxio climático. De feito, o fin último é consolidar a posición da comunidade como a máis resiliente ao quecemento global para acadar a neutralidade climática en 2040.

Nese contexto, e como unha ferramenta máis para conseguilo, enmárcanse as axudas convocadas por primeira vez este ano e dirixidas a concellos para o impulso de espazos verdes como solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos. En total aprobouse a concesión de 42 achegas a 35 concellos por importe de 2 millóns de euros para desenvolver iniciativas coas que crear refuxios climáticos urbanos, impulsar actuacións que aumenten a biodiversidade e mellorar as infraestruturas verdes e fluviais.

Publicacións Relacionadas