- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visita o concello para coñecer as obras previstas, presupostadas en case 1,3 millóns de euros
- O Goberno galego manterá o próximo ano esta nova liña de acción, dotada con 8,5 millóns de euros
- En toda Galicia hai unha vintena de proxectos beneficiarios, relacionados con instalacións hidráulicas, deportivas, culturais, de mobilidade e accesibilidade e para servizos sociais
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe Ribadavia para coñecer as melloras previstas no centro deportivo municipal O Consello co apoio da Xunta. A través da liña de axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL), dotada con 8,5 millóns de euros e destinada a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, o Goberno galego destinará case 650.000 euros á ampliación e reforma deste espazo a prol do deporte na comarca do Ribeiro.
Así, actuarase tanto nos espazos deportivos como en zonas comúns. O presuposto global das obras achégase aos 1,3 millóns de euros.
Segundo explicou o conselleiro, a iniciativa enmárcase no Plan Ribadavia activa, que ten como obxectivo fomentar a práctica deportiva entre a poboación, tanto de carácter federado como non federado. De feito, sinalou que as instalacións que se prevé mellorar dan servizo a clubs deportivos de distintas disciplinas, como balonmán, baloncesto, karate, ximnasia rítmica ou fútbol; ao deporte escolar, acollendo as competicións do programa Xogade; e ao conxunto da veciñanza que quere mellorar a súa condición física e a súa saúde, con salas de actividades e musculación.
Diego Calvo referiuse ao carácter estratéxico desta iniciativa ao centrarse en facilitarlles ás persoas usuarias unha vida saudable, ademais de contribuír á transmisión entre os máis novos dos valores que representa o deporte. Ademais, o proxecto ten relevancia supramunicipal ao ser utilizado por entidades e persoas de toda a comarca. Nesta liña, incidiu tamén no impacto económico, turístico e social dos eventos deportivos como valor estratéxico.
Unha vintena de proxectos en toda Galicia
O conselleiro lembrou que as actuacións beneficiarias da nova liña de axudas no conxunto de Galicia ascenden a unha vintena. As obras céntranse en infraestruturas hidráulicas, culturais, deportivas, de mobilidade e accesibilidade e para servizos sociais. Na provincia de Ourense, xunto coa iniciativa presentada por Ribadavia, resultaron beneficiadas as de Cortegada, tamén para a mellora de instalacións deportivas, e a de Verín para a mellora da eficiencia enerxética da EDAR.
No marco desta medida, considéranse estratéxicos os proxectos nas infraestruturas locais que sexan fundamentais ou decisivos para a mellora dos servizos, para o desenvolvemento social ou para o equilibrio territorial e teñan repercusión no ámbito supramunicipal ou comarcal.
Tamén teñen esta consideración os investimentos en infraestruturas locais con transcendencia económica ou industrial en sectores estratéxicos de ámbito local ou comarcal, que incentiven o desenvolvemento empresarial ou que promovan o tecido comercial da zona, así como os que desenvolvan investimentos en infraestruturas previstos nun plan estratéxico aprobado pola entidade local.
Máis de 1,2M€ investidos en Ribadavia
Tendo en conta esta actuación prevista no pavillón polideportivo, Diego Calvo destacou que nos últimos anos o Goberno galego investiu máis de 1,2 millóns de euros a través das diferentes medidas de apoio ao eido local, como a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de axudas de eficiencia enerxética cofinanciado con fondos Feder ou o Fondo de Cooperación Local, no que se enmarca esta liña dirixida a proxectos estratéxicos.
A través deste conxunto de medidas, só neste ano se distribuíron máis de 32 millóns de euros para a execución de case 700 proxectos municipais en toda Galicia.
Ademais, en 2025 os municipios verán incrementado o apoio que supón o Fondo de Cooperación Local ascenderá ata os 168 millóns de euros -co fondo base e o adicional-, 10 millóns máis que neste exercicio, un 6,3% por riba da suba media das contas autonómicas. Ademais, o fondo base do FCL incrementarase en 5,4 millóns de euros, que se repartirán entre os concellos de menos de 15.000 habitantes, que son os que teñen menos ingresos, os que máis dependen das transferencias doutras administracións e os que teñen menos capacidade de aforro.
A través do FCL, a Xunta trata de compensar o desfase que ocasionan as particularidades dos municipios galegos como son a demografía ou a dispersión xeográfica. Por iso, o Goberno galego vén reclamando ao Executivo estatal a definición dun novo modelo de financiación autonómica que teña en conta as particularidades de cada territorio.