- A directora xeral de Administración Local interveu no Parlamento, onde reafirmou o compromiso do Goberno galego con este colectivo profesional
- Natalia Prieto destacou a creación dunha bolsa autonómica de interinos, unha medida pioneira que favoreceu a cobertura de case 200 vacantes, e o impulso á agrupación de concellos para o sostemento en común destes postos
- En Galicia 53 entidades locais carecen de titular nas prazas reservadas de secretaría-intervención e 166 postos reservados nas distintas subescalas están vacantes
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, interveu hoxe no Parlamento de Galicia para abordar as medidas impulsadas pola Xunta para paliar a falta de cobertura por parte do Goberno central de postos de funcionarios con habilitación nacional nas entidades locais. Na súa intervención incidiu no compromiso do Goberno galego con este colectivo profesional ante a pasividade do Estado e insistiu na reclamación de que se aumenten as prazas e se garanta a cobertura das vacantes destes postos.
Natalia Prieto insistiu en que a Xunta adoptará todas as medidas precisas para tentar suplir a falta de compromiso do Goberno central, e “reivindicará as veces que sexan necesarias ante as distintas instancias que se aprobe unha oferta de emprego público que inclúa a totalidade das prazas vacantes e convoque os correspondentes procesos selectivos”.
No que se refire ao apoio da Xunta, a directora xeral destacou a creación hai xa oito anos dunha bolsa autonómica de interinos, unha medida pioneira que lles ofrece ás entidades locais galegas a posibilidade de cubrir de forma inmediata os postos de traballo de habilitación nacional. Ademais, evítaselles ter que efectuar os procesos selectivos de xeito individual e os gastos que implican.
A iniciativa suma xa catro convocatorias para o acceso á bolsa autonómica de interinos que supuxeron case 400 chamamentos e a cobertura de preto de 200 postos. Deste total, houbo 91 nomeamentos de secretarios-interventores, 65 de interventores-tesoureiros e 32 de secretarios.
A maiores, Natalia Prieto salientou a aposta da Xunta por impulsar “agrupacións de concellos para o sostemento en común dos postos reservados entre os de menor capacidade económica e de xestión, como fórmula alternativa á falta de compromiso do Goberno central con este corpo”. Na actualidade hai 13 destas agrupacións.
Segundo sinalou, a ausencia actual de habilitados nacionais provoca grandes disfuncións en todos os concellos e é especialmente problemática nos de menos de 5.000 habitantes, que en Galicia representan o 64% do total. Trátase de persoal “garante de legalidade, bo funcionamento, eficacia e eficiencia da xestión municipal, así como piar na toma de decisións polos gobernos locais”.
A pesar disto, “en Galicia 53 entidades locais carecen de titular nas prazas reservadas de secretaría-intervención e 166 postos reservados nas subescalas de secretaría-intervención, intervención-tesourería e secretaría, están vacantes, o que representa o 30%” engadiu.
Rexeitamento á cesión de competencias
A directora xeral lamentou que en vez de preocuparse por esta situación, a prioridade do Goberno central sexa a transferencia de competencias sobre habilitados ao País Vasco e Cataluña. Ao respecto insistiu no rexeitamento da Xunta a esta cesión, ao igual que todo o colectivo de funcionarios, xa que “rompe este corpo nacional, crea diferenzas non xustificadas con outras comunidades autónomas e diminúe a independencia destes funcionarios”.

