HomeXunta de GaliciaA Xunta lamenta os actos vandálicos rexistrados na EDAR de Ons e...

A Xunta lamenta os actos vandálicos rexistrados na EDAR de Ons e apela á responsabilidade e colaboración cidadá para evitar novos incidentes

- Anuncio -spot_img
  • Abrirá unha investigación para identificar ás persoas que arroxaron a fin de semana pedras e madeira contra as instalacións, que segue funcionando con normalidade
  • A nova infraestrutura hidráulica leva operativa, en fase de probas, desde finais do pasado mes de xullo, tras un investimento de case 1,4 millóns de euros

A Xunta de Galicia lamenta os actos vandálicos que se rexistraron durante esta fin de semana na illa de Ons contra as instalacións da nova Estación depuradora de augas residuais (EDAR) que dará servizo a veciñanza e visitantes, un incidente tras o que apela á responsabilidade e á colaboración cidadá para evitar que sucesos deste tipo volvan repetirse.

Precisamente, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través da dirección do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, abrirá unha investigación para tratar de identificar ás persoas que arroxaron desde un punto elevado da illa pedras e madeira contra as instalacións que albergan a infraestrutura.

Tras unha primeira inspección por parte do persoal do parque, constatouse que a EDAR non sufriu danos estruturais e de feito, segue funcionando con normalidade. En calquera caso, técnicos especializados inspeccionarán ao longo do día de hoxe a depuradora para identificar e cuantificar todos os desperfectos.

Cómpre subliñar o esforzo que realiza a Xunta co fin non só de preservar e protexer os valores naturais, históricos e culturais que caracterizan este espazo protexido senón tamén para mellorar as condicións de vida das persoas que viven ou visitan os catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional.

Neste obxectivo enmárcanse precisamente as obras acometidas para mellorar o ciclo da auga nas Illas Atlánticas, entre as que destaca a construción da depuradora en Ons (unha infraestrutura hidráulica de última xeración e que leva operativa en fase de probas desde finais do pasado mes de xullo) e a mellora das instalacións para o abastecemento de auga potable na illa, cun investimento de case 1,4 millóns de euros.

Publicacións Relacionadas