— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes compareceu no Parlamento para abordar a falta de compromiso estatal coa posta en marcha do tren de alta velocidade entre a comunidade galega e Portugal
— Diego Calvo referiuse aos avances en licitacións e adxudicacións no Corredor Mediterráneo, mentres o Corredor Atlántico segue paralizado en Galicia
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, compareceu hoxe no Parlamento para abordar a falta de compromiso estatal coa posta en marcha do tren de alta velocidade entre Galicia e Portugal. Na súa intervención, lamentou os agravios comparativos que sofre a comunidade galega fronte a outros territorios.
“Son incontables os desplantes, os agravios e os incumprimentos do Estado co ferrocarril galego e a conexión de alta velocidade con Portugal é un exemplo máis”, afirmou. Nesta liña, insistiu en que a Xunta seguirá firme na súa reivindicación con diferentes accións, como o manifesto asinado en xullo en Valença do Minho ou o acto celebrado este mes en Vigo para unir forzas sociais e empresariais ante esta demanda.
Segundo o conselleiro, resulta sorprendente que o Goberno luso sexa o principal aliado de Galicia para alongar o Corredor Atlántico ata a fronteira con Portugal fronte ao Goberno de España, que decidiu darlle prioridade ao AVE Madrid- Lisboa. Diego Calvo referiuse tamén á ausencia do Corredor Atlántico na presentación de proxectos para captar fondos europeos, por segundo ano consecutivo, e á falta dun plan director, prometido para 2019, e do grupo de traballo técnico, agardado xa en 2020.
En relación cos agravios a Galicia fronte a outros territorios, comparou os avances no Corredor Mediterráneo, con licitacións por un importe de 7.100 millóns de euros e adxudicacións por valor de 5.300 millóns de euros. “Isto tradúcese en que mentres o 100% do Corredor Mediterráneo está en marcha, o Corredor Atlántico está a cero”, apuntou. O conselleiro comparou tamén os investimentos en Cataluña, que aglutinou entre 2018 e 2024 máis do 13% do investimento estatal en ferrocarril, con 2.800 millóns de euros, cos de Galicia, que recibiu 1.640 millóns, menos da metade da cifra catalá e menos do 8% do investimento estatal.
Memoria democrática
Por outra banda, Diego Calvo deulle resposta a unha pregunta parlamentaria sobre memoria democrática defendendo o cumprimento da lei na materia por parte da Xunta. Nesta liña, sinalou a execución de todos os traballos asignados para a localización e identificación de restos de vítimas da ditadura, así como para a dignificación dos lugares de enterramento de persoas represaliadas, entre outras actuacións.