― José González remarcou a falta de sensibilidade do Executivo ante a postura defendida por Galicia en coordinación co terceiro sector, desbotando a figura das microformacións na vía formativa e restrinxindo o rol de entidades como Cáritas
― Galicia seguirá insistindo nesta folla de ruta e traballando para garantir o futuro do programa de arraigamento, no que o 100% dos migrantes que participaron obtiveron o permiso de residencia e cuxa segunda edición prevé beneficiar 180 persoas
― O obxectivo do encontro de hoxe é compartir as boas prácticas de Galicia en materia de formación para o emprego, concretamente coas accións de reciclaxe profesional e a adquisición de novas competencias a través da colaboración cos sectores produtivos
― O titular de Emprego puxo en valor os convenios cos principais clústeres e asociacións para o impulso de microformacións deseñadas polas propias entidades de sectores clave, e que seguirán potenciando no 2025 cun investimento de 5 M€
― Tamén salientou as demandas realizadas ao Goberno central para seguir impulsando a atracción e retención de talento, en liña co que promove Europa
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e da directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia lado, reuniuse co conseller de Educación e Universidades das Illas Baleares, Antoni Vera, que estivo acompañado polo secretario autonómico de Desenvolvemento Educativo, Mateu Suñer, e a directora xeral de FP, Isabel Salas. O encontro tivo como obxectivo compartir experiencias e trasladar as boas prácticas que está a desenvolver en Galicia en materia de formación para o emprego, en específico sobre medidas en marcha para favorecer a reciclaxe profesional e a adquisición de novas competencias a través da colaboración cos sectores estratéxicos.
José González destacou que a Xunta —no marco das políticas activas de emprego cuxas competencias teñen en exclusiva as comunidades autónomas— está realizando un esforzo sen precedentes para flexibilizar a formación para o emprego, rachando coa rixidez e apostando polas microformacións como unha ferramenta estratéxica para seguir avanzando cara a un mercado laboral forte, dinámico e inclusivo, que dea resposta a retos que hoxe son globais, como a cobertura de vacantes ou o desafío demográfico.
Nesta liña, e no referido ao novo Regulamento de Estranxeiría, González remarcou a falta de sensibilidade do Goberno, que non atendeu as alegacións da Xunta -nin sequera as respondeu-. Estas foron realizadas en coordinación con entidades do terceiro sector e deseñadas para facilitar a integración dos migrantes a través do emprego, apoiándose en microformacións axustadas ás necesidades do mercado laboral. Unha ferramenta que funciona, tal e como demostra o balance da 1ª edición do programa de arraigamento, no que o 100% dos inmigrantes participantes obtiveron permiso de residencia, e así se expuxo nas alegacións, por carta e nunha reunión coa secretaria de Estado de Migracións.
O conselleiro lamentou que o texto final do novo regulamento, publicado hoxe no BOE, desbota a figura das microformacións na vía de formación para o arraigamento e restrinxe o papel de entidades como Cáritas, colaboradora da Xunta no programa que se acolle a esa vía. González avanzou que Galicia seguirá insistindo nesta folla de ruta e traballando para garantir o futuro desta acción, cuxa segunda edición prevé beneficiar 180 persoas.
Reforzo dos cursos para a recapacitación e reciclaxe de traballadores
No encontro puxéronse en valor os convenios de colaboración subscritos entre a Xunta e os principais clústeres e asociacións para contribuír á materialización de formacións específicas e de curta duración que permitan seguir fortalecendo as capacidades e o talento dos traballadores ocupados -e que, dentro da aposta da Xunta, se complementan con accións para a formación á carta nas empresas e para desempregados-.
José González destacou que en 2025 xa están consignados 5 M€ para reforzar os convenios cos clústeres, en áreas como o naval, a automoción, o metal, as renovables, as TIC ou a construción. Deste xeito —e tras o éxito acadado ata o momento, con máis de 46.000 alumnos e alumnas participantes— avanzarase en seguir impulsando a reciclaxe profesional a través de itinerarios que ofrecen unha formación práctica e deseñada polas propias entidades dos sectores, o que incrementa a súa eficacia e participación.
Apoiados no bo facer de Galicia —que permitiu recibir este ano unha partida extra de 7 M€ para o reforzo destas accións de recapacitación—, a Xunta insiste ao Goberno na necesidade dunha maior flexibilización dos criterios de repartición dos fondos finalistas para formación, co gallo de poder axustar as políticas activas de emprego a cada territorio.
Axilidade na homologación de títulos
Durante a reunión tamén se porá o foco na importancia da atracción de capacidades e de talento foráneo en liña co tecido empresarial, tendo en conta ¬que as súas capacidades son, xunto ás medidas destinadas ao mercado laboral interno, moi necesarias para cubrir as vacantes laborais en Galicia. Nese senso, remarcou a necesidade de axilizar a validación dos títulos adquiridos noutros países, en liña co que tamén promulga Europa.