- O acto reuniu 34 cociñeiros e cociñeiras galegas de 31 establecementos de restauración, unidos para presentar esta iniciativa de comercio de atracción destinada a fortalecer a conexión destes espazos co talento de chefs galegos de referencia
- O conselleiro salientou o compromiso da Xunta cos mercados, preto de 100 en toda Galicia, distribuídos en 76 municipios, como motores de comercio de atracción e espazos versátiles con gran capacidade de adaptación e innovación
- A xornada da mañá completarase pola tarde coa celebración do encontro ‘O futuro dos mercados tradicionais: innovación e tradición’, que servirá de punto de encontro para todos os axentes implicados na reflexión sobre o futuro destes espazos
- Ademais, durante o evento farase entrega do distintivo de Mercado Excelente ao mercado de Carballo, que se suma aos outros que contan con este selo e que son Tomiño, Vilagarcía de Arousa e Pontedeume
- O programa enmárcase no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 e continuará no 2026 con diferentes showcookings en mercados de toda Galicia
A Praza de Abastos de Santiago acolleu esta mañá a presentación de Prato de Mercado, un novo proxecto da Xunta destinado a reforzar o papel das prazas e mercados como grandes escaparates do produto galego de calidade, fresco e de proximidade. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou no acto, que reuniu 34 chefs galegos de 31 establecementos de restauración, unidos para impulsar a relación directa entre cociña e mercado e fortalecer estes espazos como motores económicos e sociais das cidades e vilas de Galicia.
O conselleiro destacou o compromiso da Xunta cos mercados —preto de 100 en toda Galicia distribuídos en 76 municipios—, que continúan a ser espazos esenciais para garantir a calidade da oferta comercial, o abastecemento de proximidade e a conexión directa co territorio. Subliñou tamén o seu papel como motores de comercio de atracción e como lugares versátiles e con gran capacidade de adaptación e innovación fronte ás novas tendencias de consumo, que acollen accións culturais, iniciativas gastronómicas e propostas que favorecen novas sinerxías entre comercio, hostalaría e cociña.
O lanzamento de Prato de Mercado, sinalou o conselleiro, marca o inicio dun programa que se desenvolverá ao longo de 2026, cun calendario de showcookings en mercados de toda Galicia. O obxectivo é impulsar a dinamización das prazas de abastos e fortalecer a súa capacidade para xerar emprego e riqueza nas contornas onde se sitúan, no marco do programa de actuacións do vixente Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Tamén se referiu á iniciativa Artesanía no Prato, que promove as pezas de Artesanía de Galicia como soporte da gastronomía. Ao abeiro dela, máis de 50 obradoiros artesanais galegos están traballando xa con restaurantes da comunidade, nacionais e internacionais.
Pulo á Rede de Mercados Excelentes
O acto desta mañá completarase pola tarde coa celebración do encontro O futuro dos mercados tradicionais: innovación e tradición, no Colexio Maior San Agustín. A sesión reunirá representantes do comercio, produtores, praceiros, profesionais da gastronomía e alcaldes e alcaldesas, e incluirá ponencias, mesas de debate e a proxección do vídeo do proxecto, no que unha vintena de cociñeiros e cociñeiras amosan o seu día a día adquirindo produtos nos mercados onde se abastecen para os seus restaurantes, salientando a variedade e calidade dos produtos locais.
Durante a xornada farase entrega do distintivo de Mercado Excelente ao mercado de Carballo, que se suma aos outros que contan con este selo, que son Tomiño, Vilagarcía de Arousa e Pontedeume. Este distintivo identifica aquelas prazas de abastos que destacan pola súa modernidade, innovación e dinamización, mantendo ao mesmo tempo a autenticidade e tradición que as caracterizan. Co obxectivo de seguir avanzando na consolidación desta Rede, a Xunta reforzará en 2026 as liñas de apoio destinadas á dinamización e revitalización das prazas de abastos, cun investimento próximo aos 4,5 millóns de euros. Estas axudas diríxense tanto ao mantemento dos mercados xa recoñecidos como á formación, diagnose, mellora e dinamización daqueles que aspiran a obter o selo. O evento da tarde pechará coa intervención final do conselleiro de Emprego antes de dar paso aos diálogos De cociña e mercado, que se farán na Praza de Abastos de Santiago e que incluirán a degustación e presentación das elaboracións Prato de Mercado a cargo da chef Lucía Freitas, propietaria do restaurante A Tafona.
Plan estratéxico de comercio Prato de Mercado forma parte das máis de 70 accións incluídas no Plan estratéxico do comercio de Galicia, dotado con máis de 320 M€, e compleméntase con outras accións de promoción xa consolidadas, como Quere o teu mercado, que na edición de maio contou coa participación de máis de 2.550 profesionais de 63 mercados galegos. Ademais, coincide coa recente da nova imaxe do Comercio Galego, unha marca distintiva coa que o a Xunta busca enxalzar a identidade e excelencia dos comercios de proximidade.



