HomeXunta de GaliciaA Xunta lanza unha campaña para evitar o ciberacoso entre a mocidade...

A Xunta lanza unha campaña para evitar o ciberacoso entre a mocidade fomentando un uso responsable empático das novas tecnoloxías

- Anuncio -spot_img

— A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en marcha mañá no municipio lucense de Chantada esta iniciativa que percorrerá seis centros Xove durante un mes

— Lalín, Tui, Betanzos, Ourense e Noia acollerán tamén este proxecto co obxecto de estendelo ao resto destes espazos que o Goberno galego ten por toda a Comunidade

— A rapazada participará en dinámicas activas de grupo con debates e a creación conxunta dunha guía e tamén se lles porá en contacto con testemuñas de casos reais

— A medida inclúe a participación de creadores dixitais con afinidade entre a xente nova como Paula Quintela, Miguel Mandayo e ‘Champi Muros’

A Xunta de Galicia bota a andar a partir de mañá no municipio lucense de Chantada unha campaña para evitar o ciberacoso entre a mocidade fomentado entre a rapazada un uso responsable e empático das novas tecnoloxías. A iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolverase ata principios de abril en seis centros Xove das catro provincias, co obxecto de estendelo ao resto destes espazos que o Goberno galego ten por toda a Comunidade.

A campaña, impulsada desde a Dirección Xeral de Xuventude, arrancará mañá no Espazo Xove do municipio lucense de Chantada, coa participación de alumnado de Educación Secundaria, que son principalmente aos que vai dirixida esta iniciativa, xa que se ten en conta a importancia da concienciación nestas idades, especialmente sensibles e vulnerables, para incidirlles nun bo uso destas tecnoloxías e tamén axudarlles a detectar e evitar un emprego incorrecto das mesmas.

Tras este municipio, o programa tamén se desenvolverá nos centros Xoves pontevedreses de Lalín, o 18 de marzo ás 16,30 horas, e de Tui, o 24 de marzo ás 11 horas. A continuación, celebrarase no coruñés de Betanzos, o 25 de marzo, e a o día seguinte, o 26 de marzo, organizarase no espazo Xove de Ourense, para rematar a campaña no mes de abril no municipio coruñés de Noia. En todo caso, o obxectivo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é estender o proxecto ao resto destes centros Xove que a Xunta de Galicia ten repartidos por todo o territorio da Comunidade.

Participación de creadores dixitais
A campaña basea a súa eficacia na implicación activa da rapazada en dinámicas que favorezan o coñecemento das situacións de ciberacoso ou de risco, á vez que darlles ferramentas para saber como actuar se o sofren directamente ou recoñecen a outras persoas nesas situacións.
Con este propósito, crearanse grupos de debate con todos os participantes nos que compartirán respostas, estratexias ou actitudes que interpreten como correctas para previr e facer fronte a este tipo de comportamentos. Deste xeito, poráselles na situación de que alguén publique fotos súas sen o seu permiso, a mofa nun grupo de Whatsapp ou redes sociais dun compañeiro ou que unha persoa descoñecida os agregue nun multixogo en liña e lles pida falar a través dun chat privado. A continuación, crearán e consensuarán entre todos un manual con medidas contra o ciberacoso.

Ademais, nestas actividades faranse proxeccións de curtas que abordan estas cuestións e poráselles en contacto con testemuñas de casos reais que teñan sufrido ciberacoso. A campaña complétase coa participación de creadores de contidos dixitais afíns a estas franxas de idade que lles darán consellos de primeira man, como Paula Quintela, que participará nas cita de Lalín e Noia; Miguel Mandayo, que ademais de colaborar con contido de concienciación, asistirá ao Centro Xove de Lalín, e Santiago Caamaño coñecido como Champi Muros, quen estará presente na xornada que se celebrará en Noia.

Publicacións Relacionadas