HomeXunta de GaliciaA Xunta lanza unha nova convocatoria do Bono Talento Empresa dotada con...

A Xunta lanza unha nova convocatoria do Bono Talento Empresa dotada con 2M€ para fomar 1.500 prosecionais en microformacións non regradas

- Anuncio -spot_img
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a terceira edición destas axudas que promoven accións formativas non formais e de curta duración á carta das necesidades das empresas e dirixidas especificamente aos seus cadros de persoal
  • A iniciativa destaca pola súa flexibilidade, podendo solicitarse ata tres accións formativas, cada unha de entre 16 e 100 horas, que poderán ser adaptadas a nivel de contidos, programas ou persoal docente segundo o que precise cada compañía
  • Como novidade, inclúese como un ámbito de capacitación prioritario o das tecnoloxías limpas e eficientes, que se suma aos campos do dixital, o industrial, o de xestión e o de servizos a clientes
  • A orde, de carácter bianual, poderá solicitarse desde o 18 de xullo ata o 16 de setembro
  • Con esta medida, a Xunta continúa a reforzar a súa estratexia a prol das microformacións como unha ferramenta estratéxica para atender as necesidades do tecido produtivo e reforzar as competencias e habilidades dos seus traballadores

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova orde de Bonos Talento Empresa, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dotada con dous millóns de euros que promove a posta en marcha de accións formativas non regradas e de curta duración a demanda das necesidades particulares de cada empresa. O seu obxectivo é mellorar os coñecementos e competencias do seus cadros de persoal, co foco nos ámbitos dixital, industrial, de xestión, de servizos persoais e a clientes e —como principal novidade deste ano— de tecnoloxías limpas e eficientes no uso de recursos.

Poden solicitar estas axudas “á carta” empresas de calquera tamaño e autónomos con persoal contratado. O importe subvencionable dependerá do tamaño da firma, cun máximo de 25.000 euros por entidade.

A iniciativa destaca pola súa sinxeleza administrativa, esixindo só uns requisitos mínimos: que as entidades teñan centro de traballo en Galicia e tres anos de antigüidade, e que as persoas participantes sexan traballadores/as en activo da mesma. Outra das súas principais vantaxes é que se trata dunha formación non formal e, polo tanto, non suxeita aos requisitos doutras liñas de formación máis ríxidas.

Os proxectos formativos —de modalidade presencial e compostos por un máximo de tres accións, cada unha de entre 16 e 100 horas— poderán adaptarse no relativo a contidos, programas, persoal docente ou lugar de celebración segundo as necesidades concretas de cada solicitante. Deste xeito, preténdese que as empresas dean resposta áxil e flexible a unha contorna laboral de cambios cada vez máis rápidos, especialmente no contexto da dobre transición dixital e verde.

A orde, de carácter bianual, poderá solicitarse desde o 18 de xullo ata o 16 de setembro. No que respecta á celebración das accións formativas, no caso da anualidade 2025 poderán impartirse desde o día seguinte da publicación da orde no DOG ata o 31 de outubro. As celebradas desde o 1 de novembro de 2025 —e deica o 30 de setembro— computarán no ano 2026.

Co lanzamento desta nova edición, coa que se prevé beneficiar 130 empresas e formar a arredor de 1.500 persoas, a Xunta consolida o seu impulso a novas vías de formación apostando por aprendizaxes breves e flexibles que faciliten unha adaptación rápida ás novas esixencias do mercado laboral, considerando absolutamente estratéxico flexibilizar a formación para o emprego e atender a dous propósitos fundamentais: atender ás necesidades específicas das empresas galegas e reforzar as competencias e habilidades dos seus traballadores, promovendo a recualificación e a reciclaxe continua.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250711/AnuncioG0767-300625-0001_gl.html

Publicacións Relacionadas