- A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, lembrou ao rexedor sadense que a reestruturación levada a cabo no corredor A Coruña-Mera-Sada para incorporar novas frecuencias e eliminar duplicidades só supuxo cambios en 11 servizos en horario de menor afluencia
- Tamén explicou que a creación da lanzadeira Sada-Carnoedo-Lorbé permite á cidadanía da parroquia sadense de Carnoedo conectar coa nova oferta de servizos en Lorbé ou en Sada
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Sada, Benito Portela, para abordar en detalle a reestruturación levada a cabo desde o pasado 22 de xuño dos servizos de autobús do corredor A Coruña-Mera-Sada. A medida permitiu ganar novos servizos, eliminar duplicidades, reforzar determinadas franxas horarias de maior ocupación, o que supuxo, en definitiva, un transporte público máis eficiente. De feito, no caso de Sada conta con 92 servizos diarios que conectan o concello coa Coruña.
Tal e como trasladou a directora xeral no encontro, o alcalde xa fora informado das modificacións previstas na conexión entre Sada e A Coruña a través do corredor A Coruña-Mera-Sada antes da súa implantación. Nesta liña, o encontro enmarcase no diálogo que a Xunta mantén cos concellos para atender as súas demandas e os axustes precisos nesta reestruturación en función das demandas da cidadanía.
As modificacións corresponden precisamente a franxas de menor demanda, segundo os datos do seguimento continuo e específico que está a realizar a Xunta desde a implantación desta reestruturación coa finalidade de actuar de inmediato en frecuencias concretas e garantir que a oferta se adapte ás necesidades da mobilidade das persoas usuarias.
En Sada, trátase de axustes puntuais en só 5 servizos de ida e outros 6 de volta dun total de 22 diarios e, en concreto, nos horarios nos que se producirían duplicidades para evitar os solapamentos.
Un total de 11 servizos diarios realízanse a través dunha liña lanzadeira habilitada no percorrido Sada-Carnoedo-Lorbé co obxectivo de garantir á cidadanía da parroquia sadense de Carnoedo conectar coa nova oferta de servizos en Lorbé ou en Sada.
Estas modificacións corresponden a franxas de menor demanda, segundo os datos do seguimento continuo e específico que está a realizar a Xunta desde a implantación desta reestruturación coa finalidade de actuar de inmediato en frecuencias concretas e garantir que a oferta se adapte ás necesidades da mobilidade das persoas usuarias.
Os cambios realizados permitiron sumar frecuencias do corredor A Coruña-Oleiros-Sada nas localidades oleirenses de Dexo e Lorbé con máis de 130 servizos adicionais á semana.
No caso do concello de Sada as actuacións levadas a cabo para optimizar o servizo producíronse neste corredor norte A Coruña-Mera-Sada. O resto de servizos entre Sada e A Coruña a través dos corredores central e sur con itinerario por Arillo ou Oleiros non se viron modificados e manteñen os seus 70 servizos directos.
Polo tanto, como incidiu Judit Fontela no encontro co alcalde de Sada, o concello mantén a conexión coa Coruña cun total de 92 servizos: 22 no corredor norte e 70 entre o central e o sur.
Por outra parte, desde o 1 de xullo incluíronse as paradas nas parroquias de Carnoedo e Veigue, en Sada, en catro servizos que conectan Sada e A Coruña. Así, os servizos das 07,30 horas e as 08,30 horas recuperaron a saída desde Sada e os que saen ás 06,30 e ás 22,00 horas de Entrexardíns prolongáronse de Lorbé a Sada. Tamén se incorporou un novo servizo ás 09,30 horas co mesmo percorrido que reforza a conexión A Coruña-Sada nesa franxa horaria.
A información relativa aos servizos está dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.