- A través dunha comunicación incide en que os vehículos non poden levar signos externos identificativos e que deben levar a bordo o contrato, ademais de realizar a comunicación do servizo prestado, entre outras esixencias legais
- O Goberno galego enviou neste ano preto de 250 actas de infracción aos concellos por servizos prestados no ámbito urbano
A Xunta remitiulles unha comunicación ás empresas titulares dunha autorización de vehículos de turismo con condutor (VTC) en Galicia, e ás plataformas de intermediación entre as persoas usuarias e as persoas titulares de autorizacións VTC que operan actualmente en Galicia (Uber, Bolt e Cabify), co obxectivo de lembrarlles as obrigas legais para prestar o servizo, que pode realizarse en todo o territorio galego pero sempre entre municipios.
Así, incídese en que non poden levar publicidade nin signos externos identificativos e en que deben levar a bordo unha copia do correspondente contrato, ou dispoñer dos medios que permitan acreditalo. No contrato deben figurar, entre outros, os datos de identificación da persoa que o subscribe e do vehículo, o número de autorización de arrendamento do vehículo, o lugar, día e hora de comezo do servizo, a súa duración e o prezo ou os criterios obxectivos para calculalo.
A normativa establece tamén a obriga da remisión da información do servizo prestado ao Rexistro de Comunicacións de Servizos de Arrendamento de Vehículos con Condutor (RCTV), tanto do contrato coma do inicio do servizo, e que os servizos deben contratarse cunha antelación mínima de quince minutos á realización.
Cómpre lembrar que a Xunta ten competencia para controlar e sancionar os servizos interurbanos que detecte dentro da comunidade autónoma en relación cos requisitos e obrigas recollidas na Lei de transporte en vehículos de turismo e normativa autonómica de desenvolvemento, así como os recollidos na normativa estatal de aplicación, e así o fai en todos os casos nos que se detecta unha infracción.
Tráficos urbanos
O Goberno galego tramita as autorizacións de licenzas VTC domiciliadas en Galicia, por delegación de competencias do Estado. Trátase de licenzas de ámbito nacional e interurbano, que non habilitan para percorridos urbanos.
Cando se detectan infraccións que son competencia municipal, como a realización de tráficos urbanos, a Xunta remite os informes aos concellos, que son os competentes para sancionar. No que vai de ano a Xunta enviou preto de 250 actas de infracción da inspección de transportes da Dirección Xeral de Mobilidade e boletíns de denuncia recibidos tras inspeccións realizadas pola da Garda Civil, a maioría delas aos concellos de Santiago de Compostela (116) e da Coruña (112). A Vigo remitíronselle 17 e a Culleredo, dúas.