HomeXunta de GaliciaA Xunta lembra nun encontro con bolseiros BEME que está aberta a...

A Xunta lembra nun encontro con bolseiros BEME que está aberta a convocatoria deste ano coa que acadará os 2.000 mozos e mozas retornados

- Anuncio -spot_img
  • O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda mantivo un encontro con alumnos beneficiarios das BEME que cursan os seus másteres no Campus de Ourense no que tamén estivo o delegado territorial da Xunta na provincia, Manuel Pardo
  • O secretario xeral da Emigración lembrou que o prazo de presentación de solicitudes para a nova convocatoria rematará o 30 de abril

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe en Ourense un encontro con alumnos beneficiarios das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) que cursan os seus estudos de posgrao no Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Na reunión estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, nunha xornada que serviu para poñer en valor o impacto deste programa no retorno da mocidade galega do exterior.

Durante o encontro, Miranda destacou que a recente publicación no Diario Oficial de Galicia da décima edición das BEME supón un fito relevante dentro das políticas de retorno da Xunta, ao permitir acadar con ela a cifra de 2.000 mozos retornados desde a posta en marcha deste programa. “Falamos dun programa plenamente consolidado, que funciona e que ofrece oportunidades reais para que a xente nova formada no exterior poida desenvolver o seu proxecto de vida en Galicia”, sinalou.

O secretario xeral da Emigración lembrou que a nova convocatoria, correspondente ao curso 2026/2027, conta cun orzamento de 2,55 millóns de euros, que permitirá conceder 250 novas bolsas para cursar algún dos máis de 95 mestrados seleccionados nas tres universidades públicas galegas. As axudas, cun importe que oscila entre os 8.000 e os 12.500 euros, cobren gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención, en función da duración do mestrado e do continente de procedencia das persoas beneficiarias.

Perfís das persoas bolseiras

Miranda subliñou tamén que a idade media das persoas bolseiras nas edicións anteriores sitúase arredor dos 29 anos, o que reflicte que se trata maioritariamente de perfís con formación previa e experiencia profesional. “Moitos deles xa están a traballar ou a desenvolver iniciativas emprendedoras, polo que para Galicia é unha enorme riqueza poder incorporar este talento altamente cualificado ao noso tecido social e económico”, indicou.

No encontro celebrado en Ourense, os estudantes compartiron as súas experiencias académicas e persoais, coincidindo en destacar o papel clave das BEME para facilitar o seu retorno e a súa integración en Galicia. Os participantes proceden de países como Arxentina, Venezuela, Brasil, Uruguai ou Cuba e cursan mestrados vinculados a ámbitos estratéxicos como a nutrición, a economía circular, a xestión deportiva, o turismo ou os desafíos das cidades.

Prazo de presentación de solicitudes

O secretario xeral da Emigración aproveitou a xornada para lembrar que o prazo de presentación de solicitudes para a nova convocatoria das BEME xa está aberto e rematará o 30 de abril. “Galicia volve abrirse un ano máis á súa mocidade no exterior para ofrecerlle formación, oportunidades e futuro. As BEME son unha porta de entrada real para volver”, afirmou.

Este programa, integrado na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, permitiu mobilizar xa máis de 15 millóns de euros de investimento público e consolidouse como unha ferramenta clave para a captación de talento internacional de orixe galega. Segundo os datos da Secretaría Xeral da Emigración, arredor dun 80 % das persoas beneficiarias permanecen en Galicia ao rematar os seus estudos, incorporándose ao mercado laboral por conta allea ou a través do emprendemento.

Publicacións Relacionadas