- A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, mantivo un encontro solicitado pola Fegamp no que participaron representantes municipais aos que lles insistiu que é competencia municipal, se así o deciden os concellos, regular as posibles autorizacións para o ámbito urbano de vehículos de turismo con condutor
- Pese a que a competencia de vixilancia e inspección dos servizos que transcorren por un termo municipal corresponde aos municipios, a Xunta enviou neste ano 260 actas de infracción aos municipios por servizos prestados no ámbito urbano
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, mantivo hoxe un encontro solicitado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) no que participaron representantes municipais co obxectivo de abordar cuestións referidas aos vehículos de turismo con condutor (VTC), que son de estrita competencia municipal. Así, lembrou que a Xunta cumpre rigorosamente coa normativa vixente e as súas competencias ao tramitar as autorizacións interurbanas de VTC domiciliadas na comunidade, por delegación de competencias do Estado, sempre que se cumpran os requisitos da norma e cos criterios ambientais polos que actualmente se conceden.
Así, a lexislación estatal modificouse no ano 2023 limitando a concesión de licenzas VTC en base a criterios ambientais e de conxestión de tráfico, agás no caso de que os vehículos para os que se solicite a autorización sexan eléctricos, cero emisións de batería, de célula de combustible ou de combustión de hidróxeno.
Cómpre incidir en que as autorizacións teñen carácter interurbano, o que supón que permiten operar en todo o territorio galego sempre que os traxectos realizados sexan entre diferentes municipios, pero non habilitan a realización de percorridos urbanos. Neste caso, como aclarou hoxe a directora xeral no encontro, a normativa estatal prevé a posibilidade de que os concellos outorguen, se así o deciden, licenzas urbanas, e así o trasladou Galicia á súa regulación.
Deste xeito, a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, incorpora a normativa estatal e establece que, no suposto de prever o seu outorgamento nas correspondentes ordenanzas municipais, os concellos serán competentes para o outorgamento de autorizacións habilitantes para a prestación de servizos urbanos de arrendamento de vehículos con condutor a quen dispoña previamente da correspondente autorización interurbana domiciliada en Galicia.
Polo tanto, son os concellos os que deben tomar as decisións que consideren oportunas respecto das VTC no que se refire á súa regulación e concesión de posibles autorizacións no ámbito urbano para realizar este tipo de tráficos e tamén é competencia municipal sancionar cando se detecte a realización de tráficos urbanos.
Por outra parte, no que se refire ás obrigas dos concellos coa actividade do sector do taxi, a Lei de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia establece que os municipios, para lograr unha debida coordinación e prestación do servizo, poderán regular e ordenar a actividade do taxi no seu ámbito territorial, procurando que exista unha continuidade na prestación do servizo de taxi en condicións óptimas para a cidadanía. A Xunta mantén un apoio a este sector e esta mesma semana publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde de axudas da Administración autonómica ao sector do taxi para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, vehículos de baixas ou cero emisións, cun investimento de 500.000 euros na convocatoria para 2026.
Judit Fontela remarcou ademais que, pese a que a competencia de vixilancia e inspección dos servizos que transcorren por un termo municipal tamén corresponde aos concellos, a Xunta, no marco do seu labor de inspección de transporte pode identificar, e xa o ten feito, vehículos con autorización VTC que fan desprazamentos urbanos e envía os informes de inspección aos concellos, que son os competentes para sancionar.
Así, os axentes velan polo cumprimento da norma, remitindo os informes que correspondan aos concellos no caso de detectar incumprimentos que a Administración autonómica non pode sancionar, como é o caso da realización de tráficos urbanos por VTC. Deste xeito, no que vai de ano a Xunta enviou 260 actas de inspección de transportes da Dirección Xeral de Mobilidade e boletíns de denuncia recibidos tras inspeccións realizadas pola da Garda Civil por este motivo aos concellos para a súa tramitación, que son os competentes para sancionar no ámbito urbano. En concreto, 123 na cidade da Coruña, 118 en Santiago de Compostela, 17 en Vigo e 2 en Culleredo.
Por último, e no marco da coordinación xeral dos servizos de vehículos de turismo, a directora xeral explicou que a Xunta remitiu unha comunicación recordando as súas obrigas legais a todas as persoas físicas e xurídicas titulares dunha licenza VTC en Galicia e, nesta liña, como asegurou, o Goberno galego seguirá inspeccionando para que se cumpra a normativa.



