HomeXunta de GaliciaA Xunta lembra que o prazo de solicitudes para o impulso das...

A Xunta lembra que o prazo de solicitudes para o impulso das actividades dos centros comerciais abertos continúa aberto ata o 19 de marzo

- Anuncio -spot_img
  • A orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destínase a apoiar as actividades das agrupacións de comerciantes, buscando primar a calidade e a innovación das súas propostas
  • A convocatoria prevé axudas extraordinarias de 50.000€ para recoñecer o labor dos mellores CCA, co obxectivo de apoiar de campañas adicionais que teñan como obxectivo promover o comercio local e chegar a novos clientes
  • Este ano tamén se avanzará na creación do rexistro e reconfiguración dos centros comerciais abertos, con nova denominación e imaxe propia, concibida desde unha dinamización integral das contornas comerciais
  • Estas medidas enmárcanse no Plan estratéxico do comercio 2025-2030, baixo o que se engloban outros apoios como os dirixidos a impulsar a modernización, dixitalización e sostibilidade do comercio retallista (3,9M€)

A Xunta lembra que o prazo para solicitar as achegas da orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para impulsar as actividades dos centros comerciais abertos da Comunidade remata o 19 de marzo. Esta orde, dotada de 2,5M€, trata de  reforzar a súa excelencia e a súa capacidade de dinamización das contornas nas que se integran. Enmarcada no compromiso coa revitalización do comercio local como elemento esencial para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas, as axudas deste ano incrementan o seu orzamento global e incorporan novidades para potenciar no máximo nivel estas figuras.

Así, esta orde aposta polo réxime de concorrencia competitiva buscando primar a calidade e a excelencia das propostas de dinamización. Ademais, as asociacións poderán optar a axudas extraordinarias de 50.000 euros para a realización de actividades en coordinación con concellos e outras entidades locais.

Detalles da convocatoria

Poderán concorrer a estas axudas as asociacións de comerciantes de carácter territorial e sen ánimo de lucro que, legalmente constituídas, desenvolvan proxectos de interese para revitalizar a actividade comercial nas súas localidades. Tanto no caso das sete grandes cidades como no resto dos concellos, estas entidades deben contar cunha antigüidade mínima de tres anos, unha xestión profesionalizada, delimitación territorial definida, diversidade de oferta comercial e, como mínimo, representar 50 negocios retallistas.

As axudas apoian a realización de actividades de dinamización comercial que teñan como obxectivo a incentivación do consumo e a atracción de clientes, co fin de incrementar as vendas. Para optar ás achegas, as agrupacións deberán presentar a planificación e desenvolvemento dun mínimo de seis campañas que conten coa participación directa dos comercios asociados e dos consumidores, así como a planificación de dúas accións formativas. Opcionalmente, tamén poden propoñen outras actuacións complementarias de fidelización e servizos para a clientela.

Os investimentos máximos subvencionables modúlanse en tres tramos, en función do número de comercios asociados: 65.000 euros no caso de que teñan 100 ou máis; 55.000 euros para os que teñan entre 70 e 99; e 40.000 euros para aqueles que se sitúen entre os 50 e os 69 negocios adheridos. Pola súa parte, a intensidade das axudas poderá oscilar entre o 70 e 90 %, segundo a puntuación acadada polas propostas presentadas, en cuxa valoración se terán en conta criterios como a disposición dun plan de comunicación, a capacidade da campaña para motivar á persoa consumidora ou captar clientela nova ou o seu carácter novidoso. Deste xeito, as achegas máximas da convocatoria poderán alcanzar os 58.500 euros. 

De xeito extraordinario, do total do orzamento da convocatoria, resérvanse 250.000 euros para premiar as cinco mellores propostas, que poderán acceder a un apoio adicional para a realización de actividades de dinamización comercial extraordinarias que deben de ser levadas a cabo en coordinación cos concellos e outras asociacións.

Plan Estratéxico de Comercio

Esta orde enmárcase no futuro Plan estratéxico do comercio 2025-2030. Neste marco, tamén se avanzará na creación do rexistro e reconfiguración dos centros comerciais abertos, con nova denominación e imaxe propia, concibida desde unha dinamización integral das contornas comerciais. Ademais, ata o vindeiro 26 de marzo continua aberto o prazo de solicitude das axudas da orde para impulsar a modernización, dixitalización e sostibilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos, cun orzamento de 3,9 millóns de euros.

Ligazón á orde no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250207/AnuncioG0767-290125-0001_gl.html

Publicacións Relacionadas