A Xunta licita as obras para reforzar a cuberta do vaso da piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra

Redacción
Lectura mínima de 2

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación dos traballos por un importe superior aos 205.200 euros para levar a cabo a substitución completa da estrutura

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación das obras de substitución da estrutura da cuberta do vaso da piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra. As empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o 20 de abril ás 14,00 horas.

Cun orzamento base de licitación de máis de 205.200 euros, os traballos suporán a substitución completa da estrutura da cuberta do vaso da piscina do centro por un sistema de vigas e pontóns de madeira contra-laminada, sobre a que se recolocará o mesmo panel sándwich  e os paneis fotovoltaicos, así como as instalacións afectadas polo cambio.

A tramitación realizase de forma ordinaria e prevese que a actuación se leve a cabo no prazo de seis meses desde o día seguinte á data de sinatura da acta de comprobación da implantación.

Cómpre lembrar que, no marco do compromiso da Xunta coa posta en marcha e mellora de infraestruturas deportivas, se adxudicaron o ano pasado 2,3 millóns de euros ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia para acometer as actuacións de eficiencia enerxética no CGTD, no que adestran máis de 160 deportistas.

Ademais, o Goberno galego destina cada exercicio 2,9 millóns de euros ao mantemento deste centro, considerado unha instalación de referencia no deporte de alto nivel en Galicia, co obxectivo de acadar a excelencia competitiva a través da formación. Creado en 1987, incorporou en 2007 na súa área de influencia ao Complexo náutico e campo de regatas de Verducido – David Cal e en 2010 ao Centro Galego de Vela en Vilagarcía de Arousa, ampliando así a oferta de seccións deportivas.

Comparte este artigo