- As actuacións, cun prazo de execución de seis meses, supoñen substituír as traídas e pozos particulares existentes na actualidade por canalizacións comunitarias para dar un servizo adecuado á veciñanza do lugar cun horizonte temporal que vai ata 2045
- Os traballos desenvolveranse na contorna da estrada N-550, atravesándoa ata en catro ocasións, polo que tamén está prevista a reposición do pavimento afectado polas perforacións necesarias para a execución do proxecto
A Xunta de Galicia licitou por un orzamento de 680.827,26 euros, IVE incluído, as obras de ampliación das redes de abastecemento e saneamento ao núcleo do Canedo desde O Mesón do Vento, no concello coruñés de Ordes.
As actuacións, cun prazo de execución de seis meses, teñen como finalidade substituír as traídas veciñais e os pozos particulares existentes na actualidade por unha rede común que garanta un axeitado control sanitario e facilite os labores de mantemento e limpeza das instalacións. Os traballos permitirán dar un servizo adecuado á veciñanza deste lugar cun horizonte temporal que vai ata o ano 2045.
No caso das obras para desenvolver a rede de abastecemento, inclúen a instalación de 2.500 metros de tubaxe de 75 milímetros de diámetro para a rede principal e 315 metros de tubaxe de 63 milímetros de diámetro para os ramais secundarios. A maiores, para completar a rede, empregaranse outros elementos como válvulas de comporta, ventosas de triplo efecto, válvulas de baleirado e unha válvula redutora de presión, así como as correspondentes arquetas para o seu óptimo funcionamento.
Mentres, os traballos para implantar a rede de saneamento supoñen a colocación de 1.470 metros de tubaxe de 315 milímetros de diámetro e 110 metros de tubaxe de 250 milímetros de diámetro así como distintos pozos de rexistro prefabricados. Tamén se instalará un pozo de bombeo prefabricado que estará conectado á fosa séptica existente mediante unha canalización de 1.300 metros de tubaxe de 90 milímetros de diámetro. A eles engádense 110 metros máis de canles de 400 milímetros de diámetro para os sumidoiros e leitos de recollida de augas pluviais do Canedo.
Como as actuacións se van desenvolver na contorna da estrada N-550, chegando a cruzala en catro ocasións -para o que é necesario realizar distintas perforacións-, o contrato que se licita tamén inclúe a reposición dos pavimentos e superficies afectadas pola execución das obras por outras de semellantes características.
De feito, como complemento destas actuacións, nas próximas semanas sacarase a licitación un contrato para o servizo de asistencia técnica á dirección facultativa da obra e outro do servizo para o desenvolvemento de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, que entre os dous suman un importe de licitación de preto de 70.000 euros.