— Cun prazo de 8 meses, os traballos teñen como fin dotar á demarcación dun sistema que permite facer medicións en tempo real de varios parámetros e xerar alertas
— O contrato tamén inclúe unha actualización das estacións de aforo existentes ou o desenvolvemento dunha aplicación para integrar e analizar a información recollida
A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, acaba de licitar por un orzamento de 2,75 millóns de euros, IVE incluído, un servizo para a implantación dunha rede básica de control da calidade das augas na Demarcación hidrográfica de Galicia-Costa e outras tarefas complementarias.
Financiado con fondos europeos NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o obxectivo do contrato é abordar o deseño, a instalación e a posta en marcha da referida rede co fin de realizar medicións de forma continua de parámetros clave (tales como o pH, condutividade, turbidez, osíxeno…), xerar sistemas de alerta ante valores anómalos e analizar a evolución temporal dos datos.
Grazas a esta información, Augas de Galicia obterá un mellor coñecemento sobre a calidade das augas na conca Galicia-Costa así como a súa posible relación con factores como poden ser o cambio climático e os diferentes usos do solo.
Así mesmo e de forma complementaria á obtención de información en tempo real, a nova rede tamén actuará como sistema de alerta temperá ante a detección de posibles anomalías nos parámetros monitorizados, o que permitirá ofrecer unha resposta inmediata ante posibles situacións de risco que afecten ás masas de auga.
Por outra banda, entre as actuacións complementarias incluídas no servizo para reforzar e modernizar a infraestrutura existente, cómpre destacar a actualización de 23 das 95 estacións de aforo que hai en Galicia-Costa mediante a substitución dos dispositivos de medición (dataloggers) para adaptalos á tecnoloxía da nova rede así como a instalación de tres perfiladores radar para rexistrar sen contacto a velocidade superficial da auga en ríos e canais, especialmente en condicións de posibles avenidas e fluxos elevados.
Desenvolverase tamén unha aplicación informática para integrar e analizar os datos recollidos a través da nova rede. Esta ferramenta permitirá que a rede poida operar cos sistemas de xestión de Augas de Galicia, facilitando a visualización centralizada da información, a tramitación das alertas e a xeración de informes. A maiores, a aplicación permitirá identificar tendencias, simular escenarios futuros e mellorar a planificación.
Cun prazo de execución de 8 meses, as empresas interesadas en optar a este contrato terán de prazo para presentar as súas propostas ata o vindeiro 2 de maio e deberán facelo necesariamente a través do sistema de licitación electrónica da Xunta.