— Este axuste poboacional xa se estaba aplicando no caso dos Picos de Europa e Galicia levaba tempo reclamando que se tivera en conta tamén nas Illas Atlánticas
— Belén do Campo solicita que a futuro se introduza o criterio de insularidade á hora de territorializar os fondos estatais destinados a estes ámbitos, xa que a xestión de catro arquipélagos implica unha “carga económica adicional” que se debe compensar
— Galicia lidera a proposta autonómica para que sexa o Executivo central o que asuma o custo de homoxeneizar a imaxe corporativa e a identidade de todos os parques
O Goberno central acaba de darlle a razón á Xunta na súa vella demanda para que se teña en conta a poboación residente nas illas Ons e Cíes á hora de repartir entre todos os parques nacionais o orzamento destinado ás axudas para actuacións nas súas respectivas área de influencia.
Así se confirmou durante a última reunión do Consello da Rede de Parques Nacionais, na que participaron por videoconferencia a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o director conservador do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández, que lembraron que o Goberno galego levaba tempo reivindicando que se computara a poboación insular de ambos arquipélagos a efectos do reparto de fondos, tal e como se facía xa no caso dos Picos de Europa.
Desta forma e por primeira vez, as Illas Atlánticas beneficiaranse dun factor corrector do 0,64% na distribución territorializada das subvencións estatais para proxectos e actuacións na área de influencia dos parques, un programa que este ano contará cun orzamento global de 3 millóns de euros.
A aplicación deste axuste poboacional no caso de Galicia permitirá que manteña e mesmo mellore a súa posición no reparto dos fondos estatais reservados a estas axudas, a pesar de que este ano hai un parque nacional máis —Serra das Neves—.
En todo caso, Do Campo aproveitou a reunión para reivindicar que, de cara ao futuro, o carácter insular do único parque nacional da Comunidade galega debe terse en conta como criterio específico de reparto por parte do Ministerio.
Así, propuxo modificar o Real Decreto regulador das subvencións con fondos estatais que se conceden cada ano nas áreas de influencia socioeconómica destes espazos para introducir a insularidade e a dispersión entre arquipélagos como novo factor de corrección á hora de distribuír territorialmente os fondos dispoñibles.
Ao respecto, Belén do Campo argumentou que “resulta evidente a carga económica adicional” que supón para calquera administración xestionar un parque nacional de carácter insular, sobre todo se o seu territorio está dividido en catro arquipélagos, como é o caso das Illas Atlánticas, unha dispersión que dificulta e encarece tanto a prestación de servizos básicos, como a execución das diferentes actuacións necesarias para garantir o seu correcto mantemento, conservación e protección.
Así mesmo, outro dos puntos abordados foi o financiamento de actuacións con cargo aos fondos europeos. Neste sentido e tendo en conta que o Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN) reservou parte do orzamento da UE para facer investimentos directos a través de diferentes liñas de actuación, Do Campo reclamou que parte dese diñeiro tamén se destine ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, onde, lembrou, a Xunta vai executar proxectos por case 5 millóns de euros con fondos do NextGenerationUE.