HomeA CoruñaA Xunta mantén a situación de prealerta por escaseza moderada de auga...

A Xunta mantén a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos ríos Grande, en Camariña, onde melloran os niveis, e Lérez, en Pontevedra

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez incide na concienciación cidadá sobre a escaseza de auga e da necesidade de fomentar o aforro e, dentro do espírito de colaboración, apela á implicación dos concellos para establecer as medidas que consideren apropiadas
  • Tamén se conservan medidas equivalentes no subsistema de Baiona, desde o cal se abastece a poboación deste municipio pontevedrés
  • O resto de unidades territoriais da Demarcación Galicia-Costa seguen en situación de normalidade, cunha ocupación dos encoros de abastecemento do 75,90%, a pesar da falta de precipitacións das últimas semanas

A Xunta mantén a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, na provincia de Pontevedra, e do río Grande, en Camariñas. Así o acordou hoxe a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e na que participaron o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, e outros cargos directivos do organismo hidráulico, así como representantes de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e Medio Rural.

Segundo dixo a conselleira, mantense a medida precautoria adoptada na reunión da Oficina Técnica da Seca celebrada o pasado 7 de agosto ao non advertirse neste tempo cambios significativos nas bacías da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa. Con todo, a conselleira salientou que na unidade territorial do río Grande se detectou un lixeiro incremento do caudal.

Tamén continúa a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta (pero sen chegar a declarala) no subsistema de Baiona, pertencente á unidade territorial río Verdugo e desde o cal se abastece a poboación deste municipio pontevedrés. Con todo,

A maiores do mantemento destas medidas, Ángeles Vázquez informou de que na reunión se acordou realizar durante as vindeiras semanas un seguimento para ver a evolución da unidade territorial do río Anllóns tras detectar unha baixada no valor do indicador de escaseza. En todo caso, subliñou que, polo de agora, non é preciso aplicar ningunha medida nesta conca xa que os limiares se manteñen dentro da normalidade. Esta vixilancia abranguerá os concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha, Malpica de Bergantiños e Ponteceso.

Nese senso, a conselleira incidiu en que este escenario reflicte o normal descenso do caudal dos ríos desde o mes de xullo, propio á época estival debido á ausencia de choivas e á evaporación pola calor, así como, nalgúns casos, polo aumento de poboación. De feito, o resto de unidades territoriais da Demarcación Galicia-Costa seguen en situación de normalidade cunha ocupación actual dos encoros de abastecemento do 75,90 %, sendo un 4,78 % inferior á ocupación media dos últimos 10 anos, a pesar da falta de precipitacións nas últimas semanas.

Durante a reunión, os técnicos analizaron tanto datos meteorolóxicos —os correspondentes ao mes de agosto e as previsións de cara a setembro—, como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, seguindo o establecido no Plan especial de seca de Galicia-Costa.

Colaboración e concienciación

Durante a súa intervención Ángeles Vázquez puxo en valor que a Oficina Técnica da Seca traballa para adiantarse e adoptar medidas ante un posible episodio futuro de escaseza de auga así como a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable.

Nesa liña, incidiu na concienciación cidadá sobre a escaseza de auga e da necesidade de fomentar o aforro, a través de campañas e bandos municipais. Ademais, dentro do espírito de colaboración, apelou á implicación dos concellos para establecer as medidas que consideren apropiadas, no marco das súas competencias, e levar a cabo un labor de sensibilización da veciñanza e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu ámbito de influencia. A maiores, subliñou a importancia de que tamén informen de calquera incidencia que se produza no seu municipio e que puidese agravar a situación.

Implicacións da declaración

A situación de prealerta por escaseza de auga implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos e encoros dos sistemas afectados da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. De feito, os concellos afectados teñen a obriga de comunicar a Augas de Galicia os seus datos diarios de caudais de consumo.

Neste contexto, Augas de Galicia está a intensificar o labor de control do estado dos sistemas de abastecemento e dos propios ríos. En concreto, os 19 concellos afectados pola prealerta son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Sanxenxo, no caso da UTE río Lérez; e Cabana de Bergantiños, Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas, pertencentes á conca do río Grande. A maiores, no municipio de Baiona manteranse as medidas equivalentes a unha situación de prealerta, tal e como se acordara na anterior reunión da Oficina da Seca.

Como explicou a conselleira, nestes municipios recoméndase á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, como o enchido de piscinas ou o rego con auga potable así como ter especialmente presentes as boas prácticas no fogar, como ducharse en vez de bañarse, utilizar as funcións eco dos electrodomésticos ou evitar malgastar recursos pechando a billa cando non se estea utilizando.

A Oficina Técnica da Seca tamén recomenda aos concellos afectados pola prealerta que minimicen os consumos municipais de auga que non sexan esenciais, como o baldeo de rúas, o rego de parques e xardíns ou as duchas de auga potable das praias.

Publicacións Relacionadas